O Museo de Pontevedra quere modernizar a súa imaxe

O Consello Asesor acorda convocar un concurso para renovar a imaxe corporativa da institución e reforzar a vinculación co Camiño Portugués.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 27/01/2020 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O Consello Asesor do Museo de Pontevedra celebrou este luns a súa primeira reunión na que se acordou convocar un concurso para renovar a imaxe corporativa da institución e tamén reforzar a vinculación do Museo co Camiño Portugués a Santiago de Compostela, a segunda ruta xacobea de Galicia con maior afluencia.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | Fonte: xunta.gal

Esta reunión celebrouse no Edificio Fernández López e, nun receso, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e o director do Museo, José Manuel Rey, deron conta do seu contido.

Segundo sinalou Mosquera, os membros do Consello coincidiron de maneira "unánime" na necesidade de "cambiar a imaxe" e a comunicación exterior por outro deseño que "debería transmitir a idea de renovación", para o que se convocará un concurso coa intención de que o novo logotipo estea dispoñible "en tres ou catro meses".

Ademais, o vicepresidente sinalou que no Consello Asesor "hai unha sensación xeneralizada de que ao Museo hai que darlle un cambio moi profundo", que pasa por dar á institución "un novo impulso" e iso supón, entre outras propostas, facer do Museo "un referente do Camiño Portugués".

"Temos que aproveitar sinerxías dun Camiño Portugués que está en auxe, e Pontevedra e o Museo son un espazo fundamental nese camiño. Hai que aproveitar a oportunidade", indicou Mosquera.

Na reunión José Manuel Rey transmitiu aos vogais "unha idea de cara a onde" queren "avanzar" co obxectivo de que se somen "a esa visión compartida" e coa esperanza de que van "traballar nunha liña de coherencia moi grande".

Así mesmo, Mosquera destacou que "a transformación do Museo xa está en marcha coa nova dirección, pero debe seguir materializándose".

"O pasado, pasado está. Temos unha historia coas súas luces e sombras. Herdamos un museo que é o máis importante de Galicia e dos máis importantes do Estado e esa é a base, pero hai que darlle un novo impulso. Niso hai total acordo", insistiu o vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

Na reunión do Consello Asesor falouse tamén da rehabilitación dos edificios centrais, da creación do novo centro de arqueoloxía de Valdecorvos e da programación de 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta