Os Franco queren "facer valer" que o Pazo de Meirás era seu achegando pólizas de seguros e declaracións da renda

O avogado da familia advirte de que neste xuízo "non se trata de dirimir se (Franco) era malo, regular ou bo", senón unha propiedade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

A familia Franco achegou unha serie de documentación pola demanda interposta polo Estado e á que se adheriron os concellos de Sada e da Coruña e a Xunta, que reclaman a incorporación ao Patrimonio Nacional do Pazo de Meirás, situado no municipio coruñés de Sada. Queren "facer valer" que o inmoble é propiedade súa e, por iso, achegaron pólizas de seguros e declaracións da contribución xeral sobre a renda.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás | Fonte: Europa Press

Concretamente, esta documentación, que foi adiantada pola Cadena Ser, inclúe as declaracións da renda de Francisco Franco Bahamonde do ano 1960 sobre o exercicio 1959 e do ano 1958, na que se inclúe o Pazo de Meirás como propiedade.

Os papeis incluídos na causa son documentación achegada para o xuízo, que se celebrará entre o 6 e o 10 de xullo tras a vista preliminar que tivo lugar o pasado 31 de xaneiro no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña e que finalizou tres horas e media despois sen acordo entre as partes.

O avogado da familia Franco, Luís Felipe Utrera Molina, remarcou este martes que toda a documentación achegada, que "non foi impugnada" polos demandantes, trata de "facer valer" que o pazo era considerado "unha propiedade privada".

Nas declaracións achegadas tamén se inclúen os rendementos agrícolas por propiedades leiras destinadas a cultivos, como así se recolle nos papeis incorporados á causa.

PÓLIZAS DE INCENDIOS

Na documentación achegada tamén se atopan dúas pólizas de seguros en caso de incendios, contratadas con Covadonga Sociedad Anónima de Seguros para protexer os bens incluídos no pazo, que como alí se indica tamén é coñecido como Torres de Meirás.

Así, unha das pólizas tiña dez anos de duración, desde o 11 de setembro de 1959 ata o mesmo día de 1969, aseguraba un capital de 2,5 millóns de pesetas, cun custo da prima de 3.790,10 pesetas, no valor da metade do século XX. Outra das pólizas remitidas é do 27 de abril de 1940 e tamén por duración de dez anos coa mesma empresa e unha prima de 1.500.000 pesetas.

Dela, 1.250.000 pesetas aseguraban, segundo o documento, a casa señorial; mentres que un millón de pesetas protexía o mobiliario, que incluía obxectos relixiosos. As 250.000 pesetas restantes era o valor de alfaias, encaixes, tapices, biblioteca, piano e outros obxectos de arte.

A documentación achegada tamén inclúe un informe da Avogacía do Estado de abril de 2018, cando estaba no goberno o PP de Mariano Rajoy, no que se examinaba a reclamación da Deputación da Coruña sobre o Pazo de Meirás.

Neste escrito, a institución do Estado conclúe que "aínda que foi unha das dúas residencias oficiais estivais do xefe de Estado (...) desde 1941 a 1975, ao non ser nunca propiedade do Estado, nin puido nin pode integrarse en Patrimonio Nacional".

"E iso por aplicación das leis de 7 de marzo de 1940 e de 16 de xuño de 1982". Na súa virtude, o Consello de Administración da entidade non se acha lexitimado para a súa reivindicación", conclúe.

DISCREPANCIAS

Na súa demanda, a actual Avogacía do Estado expón que foi o Concello de Ferrol e non Franco quen abonou o imposto de contribución, cuestión que se expuxo nas alegacións do pasado 31 de xaneiro e que por parte da xuíza se admitiu facer o requirimento necesario para que se achegue a documentación que conste a este respecto no consistorio.

O letrado sostivo que había unha explotación de carácter agrario da que se facía cargo en determinadas cuestións a Administración central e que se mantivo vixilancia da Garda Civil ata o ano 1990, argumentos cos que se pretende apoiar a reivindicación de que o inmoble pase ao patrimonio público.

Con todo, os Franco defenden cunha "documentación moi abundante" que o ditador consideraba o pazo seu e que, por iso, "pagaba a contribución e declaraba os rendementos agrarios". "Ninguén pode pensar que Francisco Franco contratase pólizas de seguro e se imputase rendementos agrícolas e tributase por eles", manifestou o avogado dos seus descendentes.

Outro dos argumentos esgrimidos radica en que a contribución urbana "viraba ao seu nome" e, se fose un edificio do Estado, "estaría exento" do IBI. "Entraría en contradición que o declarase como seu, se non, o Estado tería algo que dicir", esgrime.

"DISPÚTASE UNHA PROPIEDADE"

O avogado advirte de que neste xuízo "non se trata de dirimir se (Franco) era malo, regular ou bo", senón que "se disputa unha propiedade". "Nós consideramos que todas as consideracións políticas ao redor de Franco e o momento histórico son irrelevantes de cara a un preito no que o que vale é o Código Civil. As consideracións políticas teñen que estar á marxe, é un preito técnico-xurídico", sentenciou.

Tras a vista preliminar de xaneiro, a representación legal da familia Franco dixo que "o importante é que o diñeiro non saíu nin do comprador nin das arcas públicas, senón de particulares que non son parte".

Unha das cuestións que centrou parte das diverxencias na vista preliminar de xaneiro foi a escritura de 1941, que o letrado do Estado puxo en cuestión e cualificouna de "fraudulenta" para dar "unha aparencia a favor de Franco e os seus herdeiros". Pola súa banda, a parte demandada replicou que se trata dun "documento válido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 emigrante 3

Pois desejo que a justiça lhes de a ração. Eu vivo de aluguer na Francia e também pago o seguro e declaro-o na renda com o que tenho que pagar a taxa da televisão. Com sorte a sentença senta jurisprudência e eu podo reclamar a propriedade...desde logo a justiça espanhola é uma brincadeira, quanto tempo e dinheiro gastados para legalizar o espolio do ditador.