A Xunta apela a "non dar por perdida" a empresa Isidro 1952 e nega que os seus ollomoles estean sen alimentar

A compañía atópase en concurso de acredores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2020 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

O director do Igape, Juan Manuel Cividanes, apelou a "non dar por perdida" a empresa Isidro 1952 ante a posibilidade de atopar unha saída á situación da compañía, que se atopa en concurso de acredores.

Protesta dos traballadores da firma de procesado de peixe Isidro 1952
Protesta dos traballadores da firma de procesado de peixe Isidro 1952 | Fonte: CIG.

En resposta a unha pregunta formulada pola deputada de Común da Esquerda Paula Quinteiro na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo da Cámara galega, Cividanes negou que os ollomoles que cría a empresa no porto de Lorbé (Oleiros) estean sen alimentar desde outubro, como denuncian os traballadores de Isidro 1952.

Así, o responsable do Igape indicou que a comezos de xaneiro levou a cabo unha inspección sobre o estado das piscifactorías que constatou a situación "de normalidade no estado dos peixes".

No entanto, como apuntou Quinteiro na súa quenda de réplica, os traballadores mostraron os seus receos sobre esta actuación da Consellería do Mar e insisten en que os máis dun millón de ollomoles que crían en gaiolas en Lorbé "non se alimentan desde hai catro meses e os grandes devoran os pequenos".

Cuestionado sobre a fiscalización dos 20 millóns de euros de axudas públicas recibidas pola empresa, Cividanes manifestou que esta tarefa corresponde aos administradores concursais, que son os encargados de "vixiar se houbo ou non mala xestión" das subvencións outorgadas.

Así as cousas, reiterou o "apoio" e "compromiso" da Administración galega cos traballadores da empresa de cara a "axudarlles a atopar un proxecto empresarial que garanta os postos de traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta