A nai da vítima do crime da 'Esmorga', "aliviada" co ingreso en prisión dos dous asasinos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2020 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

A nai da vítima do crime da 'Esmorga', Constanta Paula, mostrouse este venres "aliviada e contenta" despois de coñecer a decisión da Audiencia Provincial de ordenar o ingreso en prisión provisional dos autores do asasinato de Alexandru Walter Boghio.

Ordenan o ingreso en prisión dos dous asasinos do crime de 'A Esmorga'
Ordenan o ingreso en prisión dos dous asasinos do crime de 'A Esmorga' | Fonte: Europa Press

En concreto, ordenouse que Eduardo F.L. e Óscar E.L. ingresen este venres no Centro Penal de Pereiro de Aguiar despois de que a Audiencia Provincial de Ourense así o determinase, tras case cinco anos en liberdade.

Os dous homes, condenados a 16 anos de cárcere pola morte de Alexandru Walter Boghio, un mozo de 22 anos, ao que deron unha malleira e tiraron con vida á canle do río Viñao, no Carballiño, onde morreu afogado, xa foron trasladados ao cárcere.

"É onde deberían estar desde hai tempo porque non tiveron piedade co meu fillo", manifestou Constanta Paula, que leva case seis anos esperando a que "se fixese xustiza".

A muller asegurou que "non lle desexa a ninguén o que tivo que pasar" e lembrou que "foi moi duro ter que atopalos libres pola rúa".

A maxistrada mantivo a súa liberdade despois de que o xurado popular determinase que foron culpables dun delito de asasinato con aleivosía, no entanto agora rectificou e determina o seu ingreso en prisión provisional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta