Un fallo reduce unha sanción de 15 meses a 15 días a unha mestra e a CIG denuncia "persecución ideolóxica" do inspector

O sindicato insta a Educación a actuar ante inspectores que "se extralimitan nas súas funcións impondo medidas non xustificadas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2020 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

Unha xuíza do contencioso administrativo en Pontevedra reduciu unha sanción de 15 meses de emprego e soldo a 15 días —-o mínimo previsto— a unha profesora por falta de rendemento. Tras este fallo, a CIG denuncia que existe "persecución e represión" contra mestres por parte dun inspector educativo por motivos "ideolóxicos".

E é que a CIG considera que esta sentenza "vén tirar abaixo" a resolución dun expediente disciplinario a unha profesora. Así, indicou que a profesora puxera " en coñecemento" da inspección unha "actuación irregular" levada a cabo por alguén do seu mesmo centro, pero que foi ela a quen se investigou e realizouse unha "apertura de expediente e sanción desproporcionada".

Nesta liña, a CIG sinalou que a "investigación da totalidade da vida profesional dunha docente", despois de que esta denunciase unha situación no centro, "só pode ser interpretada como un afán sancionador".

O sindicato relaciona esta situación con que a profesora mostrase "un compromiso claro con posicións claramente progresistas e críticas". Así, consideran que hai inspectores que, ao ter "ideoloxía conservadora e mesmo ultraconservadora", "non poden tolerar" a persoas con ideas como as da profesional sancionada.

A CIG recalcou que, finalmente, ante a demanda que presentaron pola actuación, a sentenza do Contencioso Administrativo "anula unha das faltas que se lle quería impor á profesora e modifica drasticamente a segunda, reducíndoa a 15 días".

"Unha situación moi diferente", insisten, á deseñada polo instrutor do expediente que solicitaba 15 meses de suspensión de emprego e soldo.

PROFESORADO E DIRECCIÓN "DESAMPARADOS"

A CIG considera que a Administración "deixa no desamparo" os cargos directivos e o profesorado. Ademais, sinalou que "non é a primeira vez" que inspectores de Pontevedra "se extralimitan nas súas funcións impondo medidas non xustificadas e investigando" a quen contacta con eles para buscar solucións a algún problema do centro.

"Estamos diante de persoas que exercen a súa función cunha autoridade excesiva e unhas formas que non son propias da función docente e que mostran a súa ideoloxía ultraconservadora", engadiu.

Así mesmo, a organización esixe que "se reproben estas condutas e que se modifiquen inmediatamente" e indican que "non permitirán" que "concepcións ideolóxicas marquen a axenda do traballo dun funcionario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta