Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2020 | Actualizada ás 14:25
A localidade ourensá de Verín converteuse na "capital do feminismo galego" este primeiro de marzo cunha manifestación unitaria que levou ata as súas rúas a milleiros de mulleres e unha chea de reivindicacións. Os mandís e a cor morada foron protagonistas da mobilización, que se celebrou baixo o lema 'Sen coidados non hai vida, mudando o sistema, derrubando o patriarcado', de acordo ao foco deste ano: o rol de coidadoras que asumen as mulleres de maneira continuada e case nunca remunerada.
A agrupación de organizacións 'Galegas 8M' foi a encargada de convocar esta protesta a nivel autonómico co obxectivo de "descentralizar" o movemento feminista e levalo a todos os puntos de Galicia. En total, desprazáronse 26 buses ata a capital da comarca de Monterrei e, segundo datos do colectivo, unhas 5.000 mulleres protagonizaran a manifestación, que deu comezo ás 12:00 horas na Avenida de Portugal e que finalizou na Praza Maior de Verín coa lectura do manifesto.
Cualifican esta convocatoria previa ao 8M como un "éxito" a todos os niveis, xa que a Verín achegáronse persoas de lugares "tan remotos como Burela, Foz ou Ferrol". Tamén da Costa da Morte se desprazaron mulleres integrantes de catro colectivos. Non só se desprazaron nos autocares preparados para a protesta, senón que tamén houbo quen se moveu polos seus propios medios.
A razón pola que a organización escolleu Verín para celebrar a manifestación non é casual, senón causal. Entenden que Verín é un "símbolo de loita de colectivos, organizacións e veciñanza", tal como se mostrou co levantamento da cidadanía contra o peche do paridoiro do Hospital Comarcal o pasado decembro.
Aquí están as Feministas!#FeministasGalegas #Verin1M #FeminismoGalego #Feminismoenpé #SenCoidadosNonHaiVida #DerrubandooPatriarcado pic.twitter.com/luQ2Y7iMni
— Galegas 8M (@Galegas8M) March 1, 2020Cabeceira da manifestación do 1M en Verín | Galegas 8M
VISIBILIZAR O INVISIBLE
A pesar de que o servizo do hospital se restaurou despois de que o Goberno galego rectificase a súa decisión, as feministas galegas consideran que a localidade verinesa é a idónea para este acto reivindicativo que se centra nos coidados non remunerados e continuos que exercen as mulleres. A berro de: 'Nós parimos, nós decidimos', as mulleres e manifestantes deste domingo reivindicaron o dereito "a un parto sen violencia obstétrica, a un coidado pediátrico de urxencias, a unha sanidade pública de calidade" e, en definitiva, "a vivir no rural con dignidade".
Así pois, as súas reclamacións destacaron a "violencia institucional" que exerceu a Xunta do PPdeG ao tomar a decisión de pechar o paridoiro, pero tamén centraron as reivindicacións no rol dos coidados que asumen as mulleres. "Sen coidados non hai vida", repetiron unha e outra vez. Con este 1M queren "visibilizar o que permanece invisible", xa que "a maior parte" deste labor de coidados "non está remunerado" e, cando o está, "trátase dun traballo precario e infravalorado".
No seu manifesto relataron que "as persoas non son independentes", necesitan "coidados alleos durante toda a vida para satisfacer necesidades afectivas, alimentarias, físicas" ou para buscar o "benestar e a felicidade". Neste sentido, o "patriarcado e o sistema capitalista" asignou ás "mulleres as tarefas de coidado e xerou un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos".
Por este motivo, apelan á "corresponsabilidade" para que os homes e os servizos públicos compartan ese labor de coidados e dean opción a que as mulleres a entrar na esfera pública. Ademais, a defensa do rural e da identidade de xénero tamén marcaron o discurso deste 1M.
SINDICATOS E A OPOSICIÓN
Dirixíronse tamén ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e pedíronlle que "escoite" ao feminismo. Reclamaron á Administración pública que se involucre para colectivizar os coidados e atender as necesidades das mulleres do rural. Tanto o seu territorio como o seu propio corpo son "campos de batalla" que este movemento social reivindica de forma "masiva".
Familias, mulleres e homes secundaron estes postulados a ritmo da batucada que presidía a manifestación. Os mesmos pasos seguiu un tractor en representación do Sindicato Labrego Galego, así como outros sindicatos de traballadores e partidos políticos.
En concreto, o BNG e o PSdeG participaron nesta manifestación marcada pola cor morada. O candidato socialista a presidente da Xunta, Gonzalo Caballero, trasladou o seu "compromiso co feminismo" e aludiu a que precisamente iso é o que o "distancia de Feijóo", que "cando lle preguntan sobre o feminismo di que non entende moi ben o que é".
Pola súa banda, a cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, chamou a mobilizarse o próximo 8M e o 5A nas urnas, xa que "é a hora das mulleres", de apostar polo cambio e que están "fartas da desigualdade e do inmobilismo do PP".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.