Esixen un plan de restauración do Monte Neme ante o "completo fracaso" das medidas da Xunta

A asociación Petón do Lobo solicita accións para protexer o cumio da comarca de Bergantimos e restaurar o seu valor paisaxístico.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A asociación Petón do Lobo solicita ao alto comisionado do Parlamento de Galicia que apremie á Consellería de Industria a levar a cabo a execución directa do plan de restauración da antiga explotación mineira de cuarzo e áridos aprobado en 2014.

Balsas mineiras na zona de explotación de áridos en Monte Neme, entre Carballo e Malpica. SALVEMOS A CABANA
Balsas mineiras na zona de explotación de áridos en Monte Neme, entre Carballo e Malpica. SALVEMOS A CABANA

Doutra banda, Petón do Lobo tamén solicita unha ampliación do citado plan de restauración, cuantificado pola Administración galega en 794.000 euros, e que se proceda tamén ao drenaxe e selado das balsas mineiras das antigas minas de wolframio, co obxectivo de protexer a seguridade persoal e medioambiental da contorna.

PROBLEMA QUE VÉN DE LONXE

A problemática situación das explotacións mineiras do monte Neme xa vén de lonxe, pois no mes de febreiro de 2014, unha das balsas situada a carón do cumio rebentou producindo unha riada de máis de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre dúas parroquias de Carballo e Malpica de Bergantiños, provocando danos por un importe total de 140.758 euros.

Ademais, a Asociación Petón do Lobo lembra que o pasado verán, a falta de seguridade e restauración neste complexo mineiro provocou que determinadas persoas sufrisen problemas de saúde logo de bañarse en dúas das balsas da canteira. A Xunta tentou atallar este problema recentemente investindo outros 147.168 euros no valado desa área en concreto que "de nada serviron", adverte a asociación. "Ás poucas semanas da súa instalación xa presenta varias fendas que seguen a permitir o acceso de particulares".

Ante esta situación de "completo fracaso" das medidas de protección establecidas pola Dirección Xeral de Minas da Xunta, Petón do Lobo esixe "protexer de inmediato a contorna" e proceder a executar de xeito directo un plan de restauración integral no cumio do monte, que limite os riscos e "devolva o seu valor paisaxístico e ambiental, na medida do posible" a este simbólico cumio da comarca coruñesa de Bergantiños.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta