O quinto infectado por coronavirus en Cuba foi importado de Galicia

Emigración nega que viaxase nalgún programa de retorno da Xunta, posto que os últimos beneficiarios marcharon en outubro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2020 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

Un cidadán da Habana, que estivo en Galicia este mesmo mes de marzo, confirmouse como o quinto caso positivo no país cubano por COVID-19. O ministro de Saúde Pública de Cuba, José Angel Portal Miranda, confirmouno durante a súa intervención nunha reunión de control gobernamental para facer fronte á propagación do coronavirus polo territorio.

O caso confirmouse este luns, por parte do Laboratorio Nacional de Referencia do Instituto de Medicamento Tropical Pedro Kourí (IPK).

O afectado é un cidadán cubano de 63 anos residente no municipio Diez de Octubre, provincia da Habana, que regresou de Galicia o pasado 8 de marzo, "con aparente bo estado de saúde", segundo informa o Ministerio de Saúde Publica.

O infectado empezou a experimentar síntomas respiratorios leves durante a noite do pasado día 11 e acudiu ao seu centro sanitario na mañá seguinte. Tras o exame do médico de garda, o paciente foi remitido ao Instituto de Medicamento Tropical Pedro Kourí (IPK) para ser ingresado ante a sospeita dunha infección do coronavirus.

A pesar diso, segundo engaden as autoridades sanitarias, a súa evolución ata o momento "é favorable e permanece clinicamente estable". En paralelo á atención deste novo caso, despregouse un operativo de control epidemiolóxico ás persoas identificadas que estiveron en contacto con el e que de momento "se manteñen asintomáticas e baixo vixilancia".

O Goberno realizou un chamamento a vixiar e controlar a chegada de viaxeiros nos aeroportos do país, ademais de extremar a precaución con cada caso sospeitoso para tentar conter a expansión do virus.

VIAXOU POLA SÚA CONTA

Este novo caso rexistrado no país cubano estivo en Galicia este mes, aínda que de momento non se aclarou se estivo en contacto co virus na comunidade. Segundo parece, o veciño da Habana viaxou a Galicia pola súa conta, e non da man dalgunha das iniciativas de retorno impulsadas pola Xunta.

Fontes da Secretaría Xeral de Emigración aseguraron a Europa Press que non teñen "ningún programa activo" neste sentido e que estes se realizan entre os meses de xuño e outubro. Así mesmo, aseguraron que os viaxeiros que estiveron en Galicia como parte desta campaña "marcharon en outubro o ano pasado".

Posible infectada de coronavirus sendo atendida en Urxencias, Vigo
Posible infectada de coronavirus sendo atendida en Urxencias, Vigo | Fonte: @miguelnuñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta