Feijóo di que grazas ás súas medidas evitáronse “moitos contaxios” en residencias de maiores

Apunta ao Goberno central pola situación e di que é “pola falta de material” e di que a Xunta baralla “sacar ás persoas contaxiadas” dos centros e ls.evalas a outras ubicacións, sen descartar hoteis. A CIG estuda pedir responsabilidade penal pola "falta de medidas preventivas".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/03/2020 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeou este venres as medidas tomadas pola Xunta hai unha semana, co decreto do estado de alarma sanitaria, e suliñou que, grazas a iso, se evitaron “moitos contaxios”. Unhas afirmacións que chegan cando ha xa varias residencias galegas con contaxiados, tanto usuarios como traballadores, en Santiago, Vigo ou Caldas de Reis, tal e como informou GC en primicia.

Persoas nunha residencia
Persoas nunha residencia | Fonte: EN MAREA - Arquivo

“Dende o primeiro instante sabiamos que a preocupación máxima que eran as persoas que estaban nos servizos socias, en residencias e centros de Día ou da infancia, e por iso pechamos todos os centros socias e evitamos moitos contaxios”, dixo Feijóo nunha rolda de prensa virtual tras o Consello da Xunta.

Así, e tras trasladar unha mensaxe de agradecemento ao persoal de servizos sociais e tamén a aquelas familias que decidiron levar aos seus familiares a casa, dixo que as residencias “teñen absoluta prioridade” cos servizos sanitarios. Ademais, indicou que todos os xefes de área sanitarias coñecen as residencias da súa área e cantos usuarios teñen. “Calquera incidencia que se observe, será comunicada”, dixo.

APUNTA AO GOBERNO CENTRAL

Feijóo quixo evitar a responsabilidade da Xunta nesta crise –dúas das residencias con contaxiados, a de Vigo e Santiago, son concertadas-- e apuntou ao Goberno central para criticar a falta de “material”. “Esa é a primeira prioridade e desde hai nove días pois non hai ningún material sanitario. E é necesaria a reacción do Goberno neste caso”, dixo.

Tamén dixo que non  informa do número de contaxiados en residencias polo “protocolo” establecido polo Ministerio de Sanidad, que estipula que hai que dar os datos a partir das 21.00 horas.

RESPOSTA DA XUNTA

Con todo, suliñou que o seu executivo está valorando un conxunto de respostas, entre elas, dixo “sacar ás persoas contaxiadas” e levalas a outras zonas ou residencias baleiras ou a hoteis ou centros de residencia concertados.

Ademais, salientou que Política Social xa se puxo en contacto coa dirección das residencias privadas e públicas para informar sobre os protocolos sanitarios de obrigado cumprimento. “Se coñecen un caso teñen que illalo a el e ao seu círculo máis próximo. O protocolo está marcado”, engadiu. Ademais, anunciou que se prohibiu, desde hoxe, a visita de familiares aos centros de maiores, tras os casos detectados.

CIG

A secretaria nacional de CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, pide a "dimisión inmediata" dos responsables da Consellería de Política Social e estuda "esixir responsabilidades penais" pola "falta de medidas preventivas" fronte ao coronavirus en residencias e centros de maiores de titularidade pública.

Neste sentido, o sindicato apunta como "directamente responsables" de todo iso á conselleira do ramo, Fabiola García; á secretaria xeral técnica, María Francisca Gómez; e ao xerente do Consorcio Galego de Benestar, Perfecto Rodríguez.

E é que, segundo Zeltia Burgos, en moitas das residencias de maiores "aínda non se tomaron as medidas de prevención necesarias", nin "se dotou de EPI (equipo de protección individual) adecuado ao persoal".

A responsable de CIG-Autonómica ve "perverso que a Xunta non proporcione" aos empregados "o material necesario", que "mesmo o traen desde casa", e cre que as precaucións deben ser "as máximas posibles, as mesmas que emprega o persoal sanitario".

Ademais, asevera que a Xunta "só pon medios unha vez que a infección está dentro", polo que "poden estar infectadas todas as persoas usuarias cando salga á luz o primeiro caso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta