Chegan a Madrid as tres galegas voluntarias que estaban atrapadas en Ecuador

Forman parte da Asociación Internacional de Sanitarios en España (AISE).

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 23/03/2020 | Actualizada ás 09:39

Comparte esta noticia

Parte do grupo de voluntarios españois, entre eles tres galegas, que se atopaban atrapados en Ecuador desde a pasada semana tras a declaración do estado de excepción no país aterraron á primeira hora deste luns no aeroporto de Madrid-Barajas.

De esquerda a dereita: Caterina Roig, Jone Serrano, Janna Ortínez, (son enfermeiras), Joan Perelló (médico) e Olalla Arbones (xornalista), voluntarios de AISE repatriados no Aeroporto de Quito
De esquerda a dereita: Caterina Roig, Jone Serrano, Janna Ortínez, (son enfermeiras), Joan Perelló (médico) e Olalla Arbones (xornalista), voluntarios de AISE repatriados no Aeroporto de Quito | Fonte: CEDIDA POR OLALLA ARBONES

Entre o total de 350 repatriados está este grupo da Asociación Internacional de Sanitarios en España (AISE), que reclamou o pasado xoves ao Executivo de Pedro Sánchez que actuase e axilizase o seu regreso á península despois de que a alcaldesa da cidade ecuatoriana de Guayaquil, Cynthia Viteri, impedise aterrar un avión de Iberia porque viña da capital española.

"Unha odisea de viaxe". Así o resume Olalla Arbones, unha xornalista de 28 anos orixinal de Ponteareas que forma parte dos voluntarios de AISE e que este luns chegou a Madrid. Pola noite ten previsto voar a Santiago, onde a recollerá a súa tía en coche cunha autorización, e despois terá que cumprir co confinamento propio do estado de alarma.

Olalla atopábase ata este fin de semana na Amazonia ecuatoriana, preto da fronteira do país con Perú, no sur. Ela, igual que outras dúas galegas que estaban en Babahoyo, colaboraba nunha campaña da asociación iniciada a finais de febreiro e cancelada hai uns días debido á situación de emerxencia que vive o país polo coronavirus.

"MIL CONTRATEMPOS"

Para chegar desde Guadalupe a Quito e coller o voo este domingo, conta que viviu "unha odisea" de 16 horas por estrada nunha furgoneta na que puido montar grazas á colaboración do consulado español. "Tivemos que cruzar case toda a Amazonia ecuatoriana, parte da Cordilleira Andina e ata 23 controis sanitarios con militares e presenza policial. Tivemos mil contratempos", explica.

Ademais, para chegar á residencia da Universidade UTE de Quito, onde estivo aloxada con máis españois, tamén tiveron que pasar "polo aeroporto, que estaba completamente blindado" con militares nos accesos. "Dá para un libro", admite.

Este domingo, día da súa partida, recolleunos na residencia, sobre as 9,30 horas da mañá, unha comitiva coa directora de Asuntos Internacionais do país. "Fomos en dous autobuses para garantir a nosa distancia de seguridade. Trouxéronnos máscaras, luvas, alcol, hixienizante de mans e todo para garantir que o noso traslado fose o máis seguro posible", relata a ponteareá.

Finalmente, aínda que escoltados por axentes da policía e armados con máscaras e luvas, lograron chegar ata o aeroporto para subirse a ese avión de Iberia, que saíu cun atraso de aproximadamente hora e media.

Esta xornalista galega aproveita para agradecer o labor das autoridades ecuatorianas e do Consulado español en Guayaquil, capitaneado por Jorge Friend. "Non hai palabras para describir todo o ben que xestionaron isto. Unha marabilla", expresa, sen tampouco deixar de lado a Iberia, que puxo a disposición o avión "o máis axiña posible", e a AISE, a súa asociación: "Desvivíronse".

OUTRAS VOLUNTARIAS REPATRIADAS

"Vimos con ganas de traballar", aseguraron outras voluntarias, en declaracións aos medios á súa chegada a Barajas, despois de recoñecer a súa felicidade por pisar chan español. "Estamos contentas. Criamos que non iamos chegar", apuntou unha das enfermeiras.

Polo momento, cada unha das sanitarias seguirá as indicacións dos seus hospitais para decidir se poden incorporarse de maneira inmediata ao traballo. "Cremos que temos que pasar corentena, pero non sabemos. Depende de cada comunidade autónoma", sinalou unha das enfermeiras.

Coa súa aterraxe en Madrid termínase "unha semana moi dura de cancelacións e recolocacións". "Xa podemos dicir que estamos en España", celebrou unha delas despois de que a alcaldesa da cidade ecuatoriana de Guayaquil, Cynthia Viteri, impedise a aterraxe do avión de Iberia.

Parte do grupo de 63 membros españois AISE que viaxaron o pasado 24 de febreiro a Ecuador puido abandonar o país no voo da propia aeroliña, pero unha trintena deles continuaba "atrapada" en territorio ecuatoriano "sen ningunha solución".

"PÍDOLLES CALMA"

Precisamente, este mesmo luns a ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, Arancha González Laya, informou nunha entrevista en TVE do retorno de "case mil cidadáns" españois que se atopaban no estranxeiro.

"Atopábanse en Buenos Aires, en Ecuador, en Cabo Verde, en Atenas, en Gambia... quedan máis, e aos que están a esperar pídolles calma. Estamos a organizar medios para que poidan volver a España", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta