110 afectados en residencias de maiores en Galicia e 17 en centros de atención a persoas con discapacidade

Hai 23 traballadores contaxiados nestes centros. Os militares procederán á súa "desinfección masiva" desde este xoves.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2020 | Actualizada ás 10:06

Comparte esta noticia

Galicia eleva a 110 as persoas afectadas por coronavirus en residencias de maiores, 88 usuarios e 21 traballadores; e a 17 os infectados en Centros de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD), 15 residentes e dous empregados. Son datos da Consellería de Política Social.

Un operario con traxe de desinfeccion na residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contaxios do Covid-19 ata agora na provincia galega- en Celanova
Un operario con traxe de desinfeccion na residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contaxios do Covid-19 ata agora na provincia galega- en Celanova | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Nas últimas horas apareceron novos casos na residencia de DomusVi Carballo, que conta cun diagnóstico en activo, e despois aumentaron tamén os de San Lázaro de Santiago (ata 15); os de DomusVi Barreiro de Vigo (ata 33); na Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdeorras (ata 3) e na Esperanza de San Rosendo (outro tres casos).

Os datos tamén contemplan os diagnósticos de Celanova (13), O Portazgo da Coruña (9), Fogar Bellolar da Coruña (3), Caldas (2), Cangas (4), Castro Caldeiras (1), Betania en Viveiro (1).

Sobre os mesmos centros, Política Social especificou que ao centro do Portazgo acudiu esta xornada un equipo sanitario para tratar aos pacientes e que un dos diagnosticados en Celanova e outro en Fogar de Bellolar faleceron.

En canto aos traballadores afectados, suman un total de 21;14 deles na San Carlos de Celanova, 5 na Domus V Barreiro de Vigo, 1 na residencia A Esperanza San Rosendo (Ourense) e un da San Simón de Teo (A Coruña).

Respecto deste último caso, fontes consultadas explicaron que se trata dunha muller auxiliar de cociña que leva 12 días sen acudir ao seu posto de traballo debido a esta enfermidade. As mesmas fontes confirmaron que esta muller tivera contacto previamente cunha persoa que viña de Madrid e esa puido ser a causa do contaxio.

RESTRICIÓNS

O persoal traballador que se contratou para atender as residencias integradas de Baños de Molgas (en Ourense) e Porta do Camiño (en Santiago) "terá o contacto mínimo co exterior" para "reducir o risco de contaxios". Así o explicou este xoves o Goberno galego, que precisou que as instalacións destas residencias seguirán "controis estritos de desinfección frecuentemente".

Ambos os establecementos foron habilitados para atender a pacientes maiores que vivan en centros para a terceira idade e que estean diagnosticados de coronavirus. Baixo estas dúas condicións as autoridades sanitarias decidirán se a persoa enferma é trasladada a unha das dúas residencias ou se, pola contra, pode permanecer illada no centro no que reside habitualmente.

PERSOAS CON DISCAPACIDADE

En canto ás persoas con discapacidade que residen en centros de atención especializada, a día de hoxe contabilízanse 15 infectados.

Oito deles en Aspronga (Oleiros), catro en Redondela, dous en Aixiña (Ourense) e un en Santa Cruz San Rosendo (Ourense).

Tamén hai dous empregados afectados en Aspronga e Redondela, segundo certificaron fontes de Política Social.

Con estes números péchase o décimo día desde que se entrou en vigor o estado de alarma para frear a pandemia de coronavirus que afecta a toda a Península e xa deixa 33 falecidos en Galicia.

"DESINFECCIÓN MASIVA" DE RESIDENCIAS

A Delegación do Goberno informou da "desinfección masiva" de residencias de anciáns a cargo das Forzas Armadas. Nun comunicado, sinala que está previsto que os profesionais actúen este xoves e o venres "en múltiples instalacións nas catro provincias galegas".

Nun comunicado, o delegado do Goberno, Javier Losada, subliña que as Forzas Armadas xa actuaron "en máis dun centenar de puntos en Galicia desde o inicio do estado de alarma". Losada, que agradece "o traballo e o compromiso" dos profesionais que desenvolven principalmente tarefas de desinfección e vixilancia, explica que "continuarán ata o final da actual situación".

En concreto, sinala que a autonomía conta a diario con integrantes da Brilat, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e a Forza de Protección (Fupro) da Armada. Os seus membros traballan en coordinación coa Policía Nacional, a Garda Civil e as policías locais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta