Pontón critica a Feijóo por non usar o galego nesta crise: "Non pode abdicar das súas responsabilidades"

A voceira nacional do BNG respalda así a campaña posta en marcha por Queremos Galego para que as mensaxes das autoridades públicas sexan emitidas en galego. Pide "pechar as zonas máis afectadas" para evitar a "centrifugación" na expansión do virus.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/03/2020 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, apoiou este luns as reivindicacións da Mesa e a campaña posta en marcha por Queremos Galego para que o presidente do Goberno autonómico faga as súas comparecencias no idioma galego.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG - Arquivo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG - Arquivo

"Ningunha crise xustifica que un presidente da Xunta abdique das súas responsabilidades co país e, unha delas, é o uso normalizado da nosa lingua", dixo nunha rolda de prensa virutal. A plataforma Queremos galego! iniciou hai unha semana a recollida de firmas para que as informacións e mensaxes das autoridades públicas nestes momentos de crise sexan transmitidas en galego. "É un dereito e unha necesidade básica para o conxunto do pobo galego que debe ser correspondido polas autoridades públicas", entenden.

Dende a plataforma recórdanlle á Xunta, así mesmo, que dirixirse na lingua do país é unha obriga dos poderes públicos galegos, tal e como sinala o artigo 5 do Estatuto de Galicia. E isto mesmo tamén forma parte das "responsabilidades" dos seus representantes, "en primeiro lugar do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e nomeadamente cando se trata de informacións sobre cuestións que afectan de xeito fundamental á súa vida presente e futura como acontece na actualidade", lembran.

Porén, segundo indican, a lingua galega está a ser "excluída da maior parte das informacións e mensaxes das autoridades públicas", tanto en comparecencias como en insercións publicitarias, incluídas as intervencións do presidente da Xunta, que "abandona o uso do idioma no exercicio das súas funcións precisamente nos momentos de maior transcendencia". Dende a plataforma Queremos Galego! recorda que agora, nunha situación de crise sanitaria, "a lingua galega non deixou de ser a lingua propia de Galiza e continúa a ser válida para a comunicación coa cidadanía".

PECHE DE ZONAS AFECTADAS


Doutra banda, tamén se referiu ás medidas de paralización de toda a actividade non esencial decretada polo Goberno central, que apoiou, e dixo que o BNG xa viña reclamando a semana pasada. Pontón considerou que "chega tarde" e que pode crear "distorsións", pero ratificouse na necesidade da medida. Tamén volveu a reclamar medidas como o peche dos territorios máis afectados, para evitar a "centrifugación" na expansión do virus.

Ademais de reclamar que estean "preparadas as infraestruturas sanitarias" para unha eventual necesidade de hospitais complementarios, aínda que "logo se non hai que usalas, mellor"; o BNG tamén pide que a sanidade privada use "todos os materiais e non faga despedimentos", que se reforce con persoal "en condicións non precarias e de estabilidade" e que se faga un "trato igualitario" para as persoas migrantes en situación irregular, como acaba de aprobar Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo 2

Feijóo serve aos interesses centralistas do seu partido, mas é normal, tem que garantir-se o posto de trabalho, bem como político, bem como conselheiro dalguma empresa onde se cobra não por trabalhar mas pelos favores outorgados...há que vou ir ao cárcere por dizer verdades!!!