Caldas de Reis e as súas irmás portuguesa e colombiana unen esforzos contra a pandemia

A localidade galega mantén estes días varias liñas de colaboración coa rexión Colombiana de Caldas, á que pertence a cidade de Villamaría, e a vila portuguesa de Caldas de Vizela.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/04/2020 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

Reforzar os lazos de irmandamento e manter o apoio mutuo é a resposta das tres Caldas á crise sanitaria do coronavirus. Esta emerxencia, lonxe de distanciar os nexos de unidade que manteñen Caldas de Reis, a rexión Colombiana de Caldas á que pertence a cidade de Villamaría e a vila portuguesa de Caldas de Vizela, está servindo para que os tres municipios intensifiquen o contacto institucional e realicen un seguimento mutuo co obxectivo de mellorar a resposta ante esta difícil situación.

Os alcaldes de Caldas de Reis o da cidade de Villamaría, na rexión Colombiana de Caldas
Os alcaldes de Caldas de Reis o da cidade de Villamaría, na rexión Colombiana de Caldas | Fonte: Concello de Caldas de Reis.

Como sinalou o alcalde da localidade galega, Juan Manuel Rey, “un irmandamento é moito máis ca ser amigos cando o vento sopra a favor; e é nos malos momentos cando hai que estar máis unidos”. “Por iso”, engadiu, “apostamos por traballar xuntos e aumentar o contacto institucional nestes días para apoiarnos e responder ás necesidades que poidan xurdir de maneira unida”. En todo este proceso está sendo fundamental o apoio permanente do Cónsul Honorario de España en Manizales, Jonathan Ballesteros.

Os tres municipios que conforman o irmandamento están confinados a causa da Covid-19 e para que as mensaxes de unidade e afecto poidan chegar a todas as poboacións, os alcaldes respectivos iniciaron unha serie de comunicados que están sendo difundidos a través das diferentes canles de comunicación institucional.

Nas intervencións que Juan Manuel Rey xa remitiu aos tres eixos de colaboración en Colombia (Villamaría, Gobernación de Caldas e Eixe Cafeteiro, e Universidade de Caldas) o alcalde apelou á “unión para saír adiante” e púxose á súa disposición “para o que faga falla”. Tamén fixo fincapé na necesidade “de coidarse e de respectar as medidas de protección, en especial a hixiene e o illamento, porque é o mellor que podemos facer para estar xuntos outra vez canto antes”.

Dentro das iniciativas conxuntas que se están poñendo en marcha nesta emerxencia sanitaria tamén destacan as accións de tipo cultural e social. Nesta liña e baixo a coordinación da Orquestra Filarmónica de Caldas (Colombia) iniciouse un proxecto no que participarán, ademais desta formación, a Escola de Música Municipal de Caldas de Reis e outros grupos musicais de Caldas e Vizela. Entre todas as formacións ofrecerán un concerto virtual conxunto con música tradicional das diferentes rexións composto por varias intervencións de cada agrupación.

Así mesmo, estase a traballar nun proxecto culinario entre os municipios que consistirá na celebración dun showcooking virtual a través dos tres chefs que xa traballaron xuntos nas últimas semanas no marco dun intercambio e no que se compartirán pratos e experiencias culinarias para demostrar a “irmandade” tamén na vertente gastronómica que existe entre as cociñas dos diferentes países. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta