O tráfico redúcese un 75% nas principais vías da cidade da Coruña co estado de alarma

Goberno e oposición de Ferrol acordan investir 2,7 millóns de euros en axudas. O persoal de Navantia Ferrol non regresará ao traballo ata que se levante o estado de alarma. Doutra banda, a USC dita unha resolución na que insta os docentes a elaborar probas e avaliacións "flexibles".

Por E.P. | CORUÑA, A | 08/04/2020 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O tráfico reduciuse, de media, un 75% nas principais vías da cidade herculina, segundo informa o Consistorio en referencia á situación co estado de alarma e as restricións impostas á circulación. Respecto diso, destaca que o descenso do tráfico en Alfonso Molina (dirección entrada) "foi moi pronunciado, cun 76,28% menos de vehículos".

En concreto, explica que "a redución mínima no tráfico rodado diario no termo municipal foi no acceso á cidade por Eirís cun 61%". "E onde máis despuntou foi na rúa Manuel Murguía cun 81,87% de descenso dos vehículos en circulación".

No caso da rolda de Outeiro, o tráfico pasou durante a primeira quincena de marzo de soportar uns 22.539 vehículos diarios aos 5.361 na segunda quincena, o que supón un descenso do 76,21%. Tamén é similar o descenso do tráfico en Alfonso Molina (dirección ntrada) cun 76,28% menos de vehículos. No caso da avenida de Arteixo, en dirección saída, observouse unha redución da intensidade media diaria do 76,88%.

Tráfico rodado na cidade da Coruña durante o estado de alarma. ANDY PEREZ
Tráfico rodado na cidade da Coruña durante o estado de alarma. ANDY PEREZ | Fonte: Europa Press

AXUDAS FERROL

Por outra bana, o Goberno e oposición de Ferrol acordaron pór a disposición dos sectores económicos deste municipio que se viron afectados pola crise do coronavirus "dous millóns de euros provenientes dos remanentes de tesouraría", así como investir outros 700.000 en iniciativas sociais relacionadas.

Así o decidiron os portavoces de todos os grupos nunha reunión realizada de maneira telemática, na que participaron o alcalde, Ángel Mato (PSOE), e a súa concelleira de Facenda, Maite Dios. A través dun comunicado consensuado por todos, PSOE, PP, Ferrol en Común e BNG mostraron "o seu apoio ás medidas xa implementadas polo goberno local", ademais de achegar novas contribucións.

NAVANTIA FERROL

O persoal da empresa naval pública Navantia na ría de Ferrol non regresará ao traballo ata que se levante o estado de alarma, tal e como acordaron na mañá deste mércores o comité intercentros e a dirección da compañía, nunha reunión de traballo por videoconferencia.

Así, segundo a información á que tivo acceso Europa Press, no estaleiro de Ferrol a situación continuará tal e como veu ocorrendo nos últimos días, realizando exclusivamente servizos mínimos e algún traballo urxente ou de emerxencia, como xa sucedeu en días pasados con algún buque da área de carenas (reparacións) e da Armada.

Por outra banda, no estaleiro de Fene está previsto que o martes, ao ser o luns festivo en Ferrol, se incorporen traballadores de dúas compañías auxiliares, Windar e Nervión, que están a desenvolver proxectos vinculados coa eólica mariña, e que serán sometidos a varios controis por parte do departamento de Prevención e Saúde Laboral.

USC

A Universidade de Santiago de Compostela publicou unha resolución reitoral na que se insta o profesorado a definir probas de avaliación flexibles e adaptadas ás circunstancias excepcionais por mor da crise sanitaria provocada polo COVID-19.

Os docentes terán que manter canles de comunicación directa cos alumnos e adaptar a programación prevista para o cuadrimestre á metodoloxía non presencial, a través da modificación das guías docentes.

Entre outros puntos, establécese a necesidade de manter operativa unha aula virtual, o respecto ás datas do calendario académico aprobado ou a adecuación da actividade aos contidos previstos en cada materia, pero con adaptacións xustificadas adecuadamente. As modificacións que se realicen nas avaliacións terán que notificarse antes do 30 de abril.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta