Consumidores galegos piden ao Goberno que interveña o mercado para frear a alza dos prezos de máscaras

Os comerciantes de centros históricos piden ao Goberno que prohiba "todas as rebaixas" durante 2020. O Goberno aproba un segundo tramo de avais de 20.000 millóns para 1,3 millóns de autónomos e pemes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2020 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

Consumidores galegos alertan de subas de prezos "moi importantes" en máscaras nun contexto de estado de alarma polo coronavirus, polo que emprazan ao Goberno a "intervir" e a fixar un custo "máximo".

Máscara
Máscara | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista con Europa Press, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal), Miguel López, sinala o caso de máscaras cirúrxicas desechables dun só uso, que antes valían entre 20 e 50 céntimos, agora véndense "mesmo por máis de tres euros". "Preocúpanos moito", asegura acerca dun produto de "primeira necesidade".

Aínda que existe un desabastecemento xeneralizado de máscaras, nalgunhas farmacias e tendas de ortopedia galegas existen algunhas poucas de tipo desechable que alcanzan en casos os 4 euros, mentres que as de filtro FPP2 —que antes tiñan de prezo ao público uns 3,80 euros— agora chegan a 15 euros.

Ante esta situación, a Unión de Consumidores de Galicia chama ao Goberno a "intervir" e a "marcar prezos máximos segundo o tipo de produto".

O pasado martes, o ministro de Consumo, Alberto Garzón, asegurou que o Goberno "ten enriba da mesa" a proposta para fixar o prezo de luvas, xeles desinfectantes e máscaras. Miguel López considera que "era algo que xa tiña que estar feito pola característica de primeira necesidade deste tipo de produto".

"Encantaríanos poder dicir que o máis lóxico é presentar a súa reclamación e non compralo, pero é algo que se necesita", reflexiona o responsable da entidade sobre a alza de prezos de máscaras. Por iso, opina que "é fundamental deixar constancia da compra do equipo". Recomenda gardar o ticket e "facer fotografías do equipo e vinculalo".

Unha das cuestións sobre as que chama a atención esta asociación de consumidores son as estafas e problemas que proliferan nas compras en liña de máscaras, un tipo de compra á que se recorreu de "forma abrumante", mesmo en webs que "non contaban coas garantías mínimas".

Hai queixas de "centos ou miles" persoas que compraron equipos a empresas vía comercio electrónico cando as máscaras non estaban aínda intervidas e "non recibiron absolutamente nada". Sinala que descoñecen se é pola intervención de remesa ou porque "sinxelamente" foron ofertas de "persoas ás que se lles foi das mans o negocio lucrativo que pretendían pór en marcha".

PIDEN PROHIBIR AS REBAIXAS

Por outro lado, as asociacións da Confederación Española de Comerciantes de Centros históricos (Cocahi), entre elas Compostela Monumental, urxen ao Goberno estatal "á prohibición de todas as rebaixas" no sector comercial ao longo do 2020 e que volvan partir do 7 de xaneiro de 2021.

O presidente de Cocahi e de Compostela Monumental, José Manuel Bello Rey, asegura que esta medida serviría "para beneficiar a recuperación económica de autónomos e evitar a desaparición do comercio tradicional" tras a crise do COVID-19.

Ademais, lembra que "é a terceira vez" que a Confederación pide ao Executivo central que restableza "os dous períodos tradicionais de rebaixas de invierno e de verán, que no seu momento foron suprimidos.

O presidente de Cocahi asegura que son "centos de miles" os comerciantes que antes da emerxencia sanitaria realizaron todas as compras de mercadoría "para poder afrontar a nova tempada".

"Se agora o Goberno permite que se poidan levar a cabo rebaixas ou promocións despois do confinamento, isto provocará unha situación irreparable, xa que moitos estarían condenados a vender a perda, con todo o que iso supón", asevera.

Así mesmo, ve "un disparate e unha irresponsabilidade" deixar que as grandes áreas comerciais poidan abrir todos os días do ano", pois estas aperturas "deben contemplar unha serie de medidas que garantan a seguridade dos comerciantes, traballadores e clientes".

AUTÓNOMOS E PEMES

O Consello de Ministros extraordinario aprobou este venres unha segunda liña de avais públicos, doutros 20.000 millóns de euros, co fin de garantir a liquidez ao tecido produtivo destinada integramente a pemes e autónomos, cuns 1,3 millóns de beneficiarios, ante a emerxencia da crise do coronavirus.

Así o anunciou a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros extraordinario, despois de que onte, durante o Pleno do Congreso para solicitar a prórroga do estado de alarma, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciase un novo tramo da liña de avais de ata 100.000 millóns de euros aprobada polo Goberno a mediados de marzo para paliar o impacto da Covid-19, cuxo primeiro tramo de 20.000 millóns lanzou o pasado luns.

Este segundo tramo estará reservado exclusivamente a pemes e autónomos, a diferenza do anterior, que se repartía a partes iguais entre grandes e medianas empresas por unha banda, e pemes e autónomos polo outro.

O aval garantirá o 80% dos novos préstamos e renovacións solicitadas por pemes e autónomos e nun 70% para o resto de empresas, apuntou Montero, quen lembrou que se establece que as entidades teñen que trasladar "obrigatoriamente" unhas condicións de avais aos clientes en forma de menores tipos de interese, un maior prazo de devolución ou a introdución de períodos de carencia.

Por iso, subliñou que a concesión de préstamos avalados polo Estado non pode ir "en ningún caso" asociado á contratación doutros produtos vinculados á entidade financeira. "Non hai condicionalidade na oferta que ten que facer a entidade, posto que o Estado está a avalar nun 80% a operación", apostilou.

MEDIDAS PARA A VOLTA AO TRABALLO


O Ministerio de Sanidade elaborou, en colaboración con patronais e organizacións sindicais, unha guía de boas prácticas para as empresas que renoven a partir do luns, 13 de abril, a súa actividade tras a suspensión obrigatoria decretada polo Goberno con motivo da crise sanitaria.

O Ministro de Sanidade, Salvado Illa, explicou, tras a rolda de prensa de Consello de Ministros, que o obxectivo é que os centros de traballo estean preparados co "máximo de seguridade" e indicou que o tres alicerces para garantir a dita seguridade son a distancia social, a hixiene en espazos públicos e privados e o lavado de mans.

Segundo indicou o Ministro, a guía que se difundirá a partir da tarde deste venres lembra ás empresas a necesidade de planificar as tarefas e garantir a distancia como mínimo de dous metros ao persoal, así como evitar aglomeracións dos traballadores

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta