Unha pediatra embarazada que superou o COVID-19: "É un virus novo e as xestantes teñen que evitar riscos"

Contaxiada na semana 12, os seus síntomas limitáronse a "un cadro catarral leve", e o seu bebé, unha nena, está sa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2020 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Esta semana unha pediatra embarazada da área sanitaria da Coruña, que prefire non dar o seu nome, coñeceu que superara o COVID-19. Acudiu co seu marido, tamén médico, a facerse o test rápido sen saír do coche no punto instalado nas inmediacións do Hospital Materno-Infantil da Coruña, unha proba que lle confirmou que superou a infección que lle detectaron o pasado 19 de marzo, cando se atopaba na semana 12 de xestación.

Esta facultativa, que lembra que o Ministerio de Sanidade incluíu ás embarazadas entre a poboación de risco, apela ás gestantes galegas a "evitar riscos". "É un virus novo e non se poden facer afirmacións contundentes", recoñece nunha entrevista concedida a Europa Press esta pediatra que, con todo, chama á "calma" e lembra que os casos "excepcionais" son os que adquiren "un maior protagonismo" nos medios.

"A maioría pasamos o virus con síntomas leves e, probablemente, moitos sen saber que tiveron a infección", explica esta facultativa. Sinala que, "a día de hoxe", "parece que non hai transmisión vertical ao feto" nin que as xestantes poidan ter "máis risco de ter unha enfermidade máis grave" que o resto da poboación.

Con todo, ao tratarse dun virus "novo" e do que se descoñecen aínda moitos datos e as súas posibles consecuencias, recomenda a toda as mulleres embarazadas que extremen as precaucións "para evitar contaxiarse".

CONTAXIO NA SEMANA 12

A pediatra, que actualmente está embarazada de 15 semanas, lembra que comezou a ter síntomas cando entraba na duodécima semana de xestación. "Tanto eu como a miña parella tivemos síntomas propios dun cadro catarral leve", indica para detallar que experimentou un pouco de "malestar" e que tivo "febrícula" un día. "Perdín o olfacto e o sabor durante uns días e tiven moita conxestión nasal", engade.

O seu marido, médico no Hospital da Coruña, empezou a presentar síntomas uns días antes que ela. "Non sabemos como nos contaxiamos. Ningún fixemos unha viaxe recentemente e, o máis probable, é que el o adquirise no hospital aínda que non é consciente de ter contacto cun caso positivo", relata.

Ante este feito, ambos decidiron chamar ao servizo de medicina preventiva para informar os seus síntomas e solicitar que lles fixesen a proba do COVID-19. Na entrevista con Europa Press, lembra que foron dous enfermeiros os que acudiron ao seu domicilio para realizarlles o test, tendo en conta que aínda non se puxo en marcha o 'autocovid' que actualmente funciona nas distintas áreas sanitarias galegas.

Tras un par de días de espera, os resultados confirmaron que tanto o seu caso como o da súa parella eran positivos, un feito que lle influíu no seguimento do embarazo, xa que tivo que "atrasar a ecografía do primeiro trimestre". Ao aprazarse esta cita, de gran importancia para avaliar o embarazo, a pediatra pon en valor que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ofertoulle outro tipo de probas adicionais para descartar calquera tipo de problema.

E é que, conforme apunta, "o cribado para anomalías cromosómicas realizado no segundo trimestre é menos sensible que se se realiza no primeiros tres meses". "Déronme unha alternativa", destaca.

UNHA NENA

Con todo, xa entrada a semana 15, si puido realizarse unha ecografía, pola que levaba semanas esperando e que confirma a boa noticia. O bebé parece que está san e é unha nena. A pesar de sufrir a infección e aínda que insiste en que "non se poden facer afirmacións contundentes" sobre un virus do que aínda non se sabe moito, esta pediatra móstrase "tranquila" xa que "de momento todo" parece que non se produce transmisión do virus da nai ao bebé.

Con todo, recoñece que a preocupación é normal entre as xestantes ao non haber unha evidencia científica que certifique esta cuestión e que confirme que a infección non provoca consecuencias nos fetos.

Embaraza coa ecografía do seu bebé tras superar o coronavirus. REMITIDA A EUROPA PRESS
Embaraza coa ecografía do seu bebé tras superar o coronavirus. REMITIDA A EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta