A inserción laboral de persoas con discapacidade cae un 24% no estado de alarma

Cogami insta á Xunta a apostar pola reserva de contratos para persoas con discapacidade

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 30/04/2020 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

A inserción laboral de persoas con discapacidade rexistrou un descenso do 24% entre o 16 de marzo (dous días despois da entrada en vigor do estado de alarma) e o 29 de abril en relación a ese período do ano anterior, segundo datos da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).

Nun comunicado, a entidade sinalou que o seu Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) advertiu un descenso do 81% nas ofertas de emprego de empresas para o colectivo co que traballa e unha baixada do 24% na súa inserción laboral respecto de 2019.

Neste sentido, Cogami lembrou que a crise económica iniciada en 2008 levou que a taxa de desemprego de persoas con discapacidade se incrementara nun 25%, polo que sinalou a posibilidade de que a situación actual afecte de novo a este colectivo. De feito, lembrou que os datos máis recentes mostran que a taxa de actividade destas persoas en Galicia sitúase no 29,9%.

Ante esta situación, instou á Administración a apostar pola reserva de contratos para persoas con discapacidade e a continuar a adxudicación de axudas para a adaptación de postos de traballo ás súas necesidades. Tamén apostou por que se realice un seguimento das empresas con máis de 50 empregados para comprobar se actúan deste xeito.

BOLSA DE EMPREGO

Por outra banda, un 72,5% por cento das persoas integradas na bolsa de emprego de Down Galicia accederon a un posto de traballo en 2019, o que supón un incremento do 23% respecto ao ano anterior. Esta entidade detallou que o número de participantes no Programa de Emprego con Apoio da Federación Down Galicia que estiveron contratatados en empresas da súa contorna no último ano ascendeu a 177, unha cifra que se incrementou durante seis anos.

Unha persoa participante no programa de emprego de Down Galicia desempeña o seu posto de traballo. DOWN GALICIA
Unha persoa participante no programa de emprego de Down Galicia desempeña o seu posto de traballo. DOWN GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta