Os cidadáns españois temos que voltar ao rego para ter futuro

Aínda que o xornalista Luis Carandell Robusté faleceu no 2002, o seu libro “Celtiberia Show” aínda hoxe non está rematado. Nembargantes, Carandell ten moitos amigos que axudan a completar o seu traballo, e os ten tamén nas institucións de reino, como ten demostrado estes días o ministro de Educación, José Ignacio Wert Ortega (Madrid, 1950), que é un toro disposto á re-españolización de España, que como moi ben saben vostedes sufre desde 1975 a destrución das súas esencias…

Por Félix Soria | | 13/12/2012

Comparte esta noticia
Wert é ministro de Educación porque ten un profundo coñecemento das ferramentas que garanten un bo ensino. A súa experiencia pedagóxica ten longa traxectoria, pois xa de neno foi aluno dun centro moi español e marianista, o Colegio del Pilar; onde tamén estudaron Alcocer e Cortina (financieros), Ansón (xornalista monárquico), Aznar (pai do milagre económico da “España va bien”), Cebrián (o “xefe” de Prisa), Del Portillo (prelado do Opus Dei), Pío García-Escudero (conde de Badarán e presidente do Senado), Lamo de Espinosa (marqués de Mirasol), Carlos March (banqueiro), Pérez Rubalcaba (“faro” do PSOE), Sánchez-Dragó (escritor namorado de España e de Xapón), Villalonga (primeiro presidente da Telefónica cando foi liberada das cadeas do Estado), Villar Mir (ex-ministro e “dono” da fervenza do Xallas), etcétera, etcétera.
 
Wert ten comprobado que nunha España ben españolizada e católica está garantido case que ao cento por cento o éxito persoal. Pois, ¡non sexamos infantís!, non foron os cartos nin o poder social que poidera ter a familia, non, a Wert e a moitos dos seus compañeiros de colexio o que lles permitiu trunfar na vida foi terse formado nun centro como Deus manda.
 
Razóns polas que, ao marxe de crenzas democráticas e científicas de orixe estranxeira, o primeiro que fixo o ministro para deseñar a reforma da lei de educación foi consultar con quen máis sabe de moral e de formar aos nosos fillos e fillas: o cardenal Rouco Varela.
 
Case que ao mesmo tempo e por lóxica partidaria, Wert tamén falou co resto do Goberno e con algúns deputados do PP. E agora, tomdas as decisións máis trascendentais, o ministro tentará que Pérez Rubalcaba aporte algún detalliño, pois o líder dos socialdemócratas tamén é ex-aluno do Colegio del Pilar e, polo tanto, poidera ter sensibilidade suficiente para entender as propostas do bo “toro” que temos por ministro.
 
Nese proceso de necesaria re-españolización, é comprensible que os dialetos rexionais sexan cuestión secundaria, mesmo un problema, pois como ben demostran as traxectorias dos ex-alunos do Colegio del Pilar e doutros centros de calidade parella, nengún dos que chegaron a ministro, e moito menos nengún dos que mercaron empresas públicas ou administran fervenzas tivo necesidade de falar en aragonés, asturianu, catalá, euskera, galego ou mirandés.
A tarefa máis complexa que afronta o ministro Wert non está, pois, no Congreso dos Deputados nin no Senado, onde só protestarán algúns “vencidos y desarmados”.
 
O reto de Wert está en vencer a ignorancia que desde 1975 medra nos barrios das cidades, nas vilas, nas aldeiñas e nos círculos de intelectuais que non só se negan a recoñecer ca cultura é un ben que precisa de contabilidade, senón que ademáis rexeitan a eviden cia de que as crenzas relixiosas teñen superioridade moral sobre as ciencias, tal como aclarou a Igrexa Romana cando nos séculos III-IV re-inventou e mellorou a moral e as mesaxes do Nazareno (xudeu rebelde que, por certo, non nasceu a carón dunha vaca, e moito menos marela, segundo precisou hai uns días o voceiro de Deus na Terra).
 
En resumo, para construír o futuro, así o demostra Wert de cotío, a cultura é un ben relativo e hai barreiras lingüísticas qaue convén derrubar.
 
O fundamental é ter unhas forzas produtivas dispostas ao sacrificio, mesmo na praza de toros e nas oficinas de emprego, re-españolizar a humanidade que reside no reino e recuperar as esencias que estamos a perder desde 1975.
 
(NOTA: Amable letor/a, ofrézolle a ligazón a un vídeo para que coñeza o recto camiño a seguir nos colexios:  http://www.youtube.com/watch?v=6lRH9pbjpfA).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/