¿U-las cinzas de Francisco Añón?

Cando remata o bicentenario dun dos grandes precursores da literatura galega, Ramón Blanco Fernández recolle nun interesante libro un acaído compendio biográfico do poeta, complementado por unha selecta escolma de versos. Crítica de Armando Requeixo.

Por Armando Requeixo | Ames | 19/12/2012 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

Título: Vida e obra de Francisco Añón. Antoloxía poética

Libro de Ramón Blanco sobre Añón
Libro de Ramón Blanco sobre Añón | Fonte: Galaxia

Autor: Ramón Blanco Fernández

Editorial: Galaxia

Lugar: Vigo

Ano: 2012

Páxinas: 150

Anda a rematar este 2012 e non quero deixalo ir sen ter unha máis que merecida lembranza para un dos grandes entre os grandes: don Francisco Añón Paz, quen hai agora dous séculos vía a luz por vez primeira nas outenses terras de Boel, pé do río Tines.

O bicentenario de quen foi o noso precursor por excelencia non se celebrou todo o que a un lle tería gustado, pero tampouco pode dicirse que pasase completamente desapercibido. Por fortuna, as xentes do seu concello e os devotos estudosos da súa obra organizaron semanas atrás un congreso no que, durante dous días, se recordou a súa figura e escrita da man de analistas como Ramón Villares, Gonzalo Navaza, Xosé Luís Méndez Ferrín, Rosario Álvarez, Manuel García Sendón, Pilar Sampedro e Xesús Alonso Montero. Nesas mesmas xornadas presentouse tamén o documental Añón na memoria, da autoría de Juan Silva e Óscar Sendón. Agora ben, o froito máis duradoiro daquel importante evento será con certeza a presentación que nel se fixo do volume Vida e obra de Francisco Añón. Antoloxía poética, da autoría do conterráneo do autor e tamén poeta Ramón Blanco Fernández, unha obra sobre a que quero agora chamar a atención.

Inserido na colección Letras Galegas-Clásicos da Editorial Galaxia, este libro de Blanco Fernández é, malia o título, un acaído compendio biográfico do poeta, complementado por unha ben selecta escolma de versos. Quérese dicir que, aqueles que vaian na procura dunha análise da súa escrita, deberán procurar noutro lugar, pois non foi esa a razón que moveu ao editor nesta ocasión e si, nas súas palabras, “elaborar esta biografía, acompañada dunha escolma poética”.

Aclarada, pois, a natureza biografista destas páxinas —ás que se engade unha antolóxica coda versal de apenas unha corentena de composicións das máis de cento cincuenta que escribiu—, cómpre dicir que Blanco Fernández expón con fondo coñecemento e rigor non exentos de admirable pulso didáctico os principais socalcos vitais do de Outes, trazando un completo repaso aos seus anos de nacemento e formación, os comezos como articulista e ‘tertuliano’ provincialista, a súa simpatía polo levantamento de 1846, as viaxes e estancias lisboetas, madrileñas, sevillanas e europeas, a súa protagónica participación nos Xogos Florais de 1861, a adhesión aos principios revolucionarios de 1868, a militancia republicana e federalista que os seus posicionamentos filantrópicos e filomasóns lle aconsellaban e aínda o papel de relevo xogado na constitución da sociedade Galicia Literaria en Madrid poucos anos antes do seu pasamento, acaecido naquela cidade en abril de 1878.

Dos datos sempre obxectivos e escrupulosamente contrastados de Blanco Fernández é posible colixir o retrato fidel de quen debeu ser un romántico de espírito, amigo da rexouba pero firmísimo nas súas conviccións, poeta de estro agradecido que espremeu en non poucas ocasións para a sátira e o ferrete máis aceirado, pero que tamén soubo pulsar as cordas da elexía ben doída, o paisaxismo e etnografismo abondo realistas e aínda o intimismo nidiamente saudoso e evocador.

Aventureiro impenitente, individuo de intelixencia felicísima e don de linguas, foi Añón amigo dos seus amigos e agre feridor coa súa pluma dos que consideraba contrarios aos ideais progresistas, galeguistas e republicano-federealistas, o que lle trouxo non poucos desgustos na España conservadora do seu tempo e máis dun episodio de obrigada fuga.

A memoria de Francisco Añón fica salvagardada entre os máis afectos grazas a monumentos literarios como “A Galicia”, “Recordos de infancia”, “A leiteira” ou “Alma en pena”, entre outros. Mais pouco sabe a poboación xeral sobre este prócer, que tivo canto á popularización da súa figura alén do Tambre a mesma sorte que as súas cinzas, das que aínda hoxe non sabemos onde repousan. ¿E el será o triste sino de don Francisco vagar perdido para que só os bos e xenerosos sexan quen de ir dando con el? Polo si ou polo non, vaia dende aquí o meu recoñecemento ao traballo do seu biógrafo e competente estudoso Ramón Blanco Fernández e os parabéns a quen fixo posible esta Vida e obra de Francisco Añón. Antoloxía poética, que volve pór en circulación o seu nome para as novas promocións de lectoras e lectores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Armando Requeixo

Efectivamente, amigo Oleiros70. Foi enterrado de primeiras no 'Cementerio del Norte' e logo trasladárono ao 'Cementerio del Sur', pero os especialistas non saben, onde, en concreto, repousan os restos, así que o misterio persiste. Un saúdo e obrigado por comentar!

1 oleiros70

Caro Armando, Ainda lembro quando você estudava no Colégio Universitário de Lugo. Parabéns pola sua fulgurante carreira. Obrigadinho e Saúde

2 Armando Requeixo

Amigo Oleiros70: xa choveu dende aquela! Teño uns recordos estupendos dese tempo. Alédame saber que vostede tamén andaba por alí. Unha aperta moi agradecida polas súas obsequiosas palabras.

1 oleiros70

Eu sempre pensei que estava soterrado num cemitério civil de Madrid. Haverá que documentar-se mais, pois. Nom esqueçam que escreveu o "Hymno dos povos" em português-português, quer dizer na variante internacional da nossa fala. Saúde