Concellos reabren os seus mercados cunha baixa afluencia

UU.AA. critica o "exceso de celo" da Delegación do Goberno para vetar mercados que hai noutras autonomías.

Por E.P. | VIGO | 07/05/2020 | Actualizada ás 20:37

Comparte esta noticia

Varios concellos galegos reabriron nos últimos días os seus mercados agroalimentarios, nos que se rexistrou unha baixa afluencia, despois de que o Boletín Oficial do Estado (BOE) permitise que se levasen a cabo a partir desta semana.

Algúns municipios que adoitan acoller estas feiras ao comezo da semana, como Vilagarcía de Arousa, optaron por atrasar a súa continuación dada a necesidade de reorganizalas para garantir o cumprimento da normativa de seguridade establecida polas institucións. Mentres, outras localidades acolleron distintos mercados de produtos de alimentación e perecedoiros nos últimos días.

Un dos primeiros municipios en reiniciar esta actividade foi Betanzos, que este martes celebrou de novo unha feira na que se asentaron ao redor dunha decena de comerciantes ambulantes, un número moi inferior ao contabilizado habitualmente, segundo indicaron a Europa Press fontes do Consistorio.

Tamén en Ordes se celebrou este mércores un mercado no que se rexistrou unha baixa afluencia, segundo detallou o alcalde, José Luís Martínez. Esta feira adoita contar con postos de venda de produtos de alimentación, calzado e artesanía, pero dado que só se permite a apertura dos primeiros, o volume de postos instalados foi inferior ao habitual.

Esta situación permitiu que a distancia establecida entre os puntos de venda fose maior á obrigatoria, segundo destacou tras incidir en que se respectaron as medidas de seguridade. Así, o rexedor da localidade coruñesa indicou que a Policía Local vixiou o cumprimento das instrucións de prevención de contaxios ditadas polas institucións e afirmou que non se rexistrou ningunha incidencia.

Así mesmo, Monforte acolleu este mércores un mercado agroalimentario no que se instalaron dous postos, segundo indicaron fontes do Consistorio. Así, axentes da Policía Local desprazáronse á zona na que se instalaron os puntos de venda ao aire libre, aos que acudiu un baixo número de consumidores, para controlar o cumprimento da normativa de seguridade.

As localidades pontevedresas de Vilagarcía e Cambados esperan pór en marcha esta actividade durante a próxima semana, do mesmo xeito que a de Sada, mentres o goberno local de Ribadeo aínda non fixou unha data para a súa reapertura.

Patacas, grelos, touciño e cebolas nun posto da feira de Castro Ribeiras de Lea| LX
Patacas, grelos, touciño e cebolas nun posto da feira de Castro Ribeiras de Lea| LX

CRÍTICAS DE UNIÓNS AGRARIAS

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, criticou o "exceso de celo" da Delegación do Goberno en Galicia por non permitir mercados de produtos agrícolas, a pesar de que si se poidan celebrar noutras comunidades.

En declaracións a Europa Press, García cre que "ten difícil explicación" que "por parte da Delgación do Goberno se sigan pondo problemas" para realizar estas feiras, tendo en conta que "en Valencia, Cataluña, País Vasco e en todos lados está o problema resolto".

"Non entendemos que razóns pode ter a Delegación do Goberno para que, o que se pode estar a facer noutras comunidades autónomas, non se estea facendo aquí en Galicia", reprocha sobre o que considera unha "incongruencia".

Lamenta que "non ten explicación" que, co "mesmo estado de alarma en todo o país", haxa diferenzas para poder realizar ou non estes mercados alimentarios de proximidade. "Hai comunidades que levan días con todo resolto e aquí en Galicia seguimos bloqueados", agrega.

A este respecto, sinala que "se por parte dos concellos ou a Xunta non se habilitaron as medidas de seguridade suficientes, pois que se digan e se corrixan"; pero que non sexan os produtores os que paguen esa "falta de coordinación entre as administracións", xente "cuns ingresos moi pequenos que non están a producir para mercado almacenista".

Estas queixas chegan despois de que municipios como os de Ordes ou Carballo tivesen que suspender a celebración destes mercados xa previstos por orde da Delegación do Goberno, a pesar de ter autorización da Xunta e contar cun protocolo específico.

Con todo, espérase que se poidan retomar a partir da semana que vén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta