A Xunta rectifica tras informar que o Goberno aceptaba a petición de Feijóo de mobilidade entre municipios limítrofes

O Goberno central aceptou a petición do Goberno vasco pero só para realizar actividades socieconómicas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/05/2020 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

A Xunta sinalou este sábado que o Goberno central aceptaba unha das peticións que o Goberno galego lle trasladou a pasada xornada á Moncloa despois de coñecer que Galicia pasaba á fase 2 da desescalada e que a cidadanía non podería circular libremente por todo o territorio galego. Algo que resultou non estar confirmado e non ser certo porque a medida era só aplicada ao País Vasco e por cuestións socioeconómicas.

Control policial durante a pandemia
Control policial durante a pandemia | Fonte: © Miguel Núñez

A Consellería de Sanidade sinalaba que trasladou ao poder executivo a proposta de Feijóo de que polo menos se flexibilizase a mobilidade en tres supostos: visitar a familiares de ata segundo grao (avós ou pais) que vivan noutra provincia, pasar a noite en segundas residencias situadas noutra demarcación provincial diferente á vivenda habitual e a mobilidade entre os concellos limítrofes de provincias diferentes.

De feito, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, lembraba esta mañá de sábado nunha entrevista na Radio Galega, que esta medida beneficiaría a un total de 73 localidades, unhas 277.000 persoas que se distribúen en concellos maioritariamente pequenos.

Pero o Goberno central supostamente, non atendeu esta petición, e si outra do Goberno vasco para que os cidadáns se poidan trasladar entre os municipios limítrofes das diferentes provincias para realizar actividades socioeconómicas a partir deste luns, cando se entre na fase 2 da desescalada.

Desta maneira, o novo documento modifica a Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional. Un dos seus artigos agora recolle que se permitirá a "mobilidade interterritorial entre municipios lindeiros de tránsito habitual para a realización de actividades socioeconómicas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta