Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2020 | Actualizada ás 19:22
Membros da Confederación Intersindical Galega (CIG) manifestáronse este mércores ante os edificios da Administración estatal e autonómica para protestar contra o que consideran "unha nova reforma laboral", é dicir as condicións baixo as que se prorrogarán os ERTE.
Á vez que se celebraba o debate e votación no pleno do Congreso dos Deputados do Real Decreto sobre a prórroga dos ERTE por forza maior derivados da crise da COVID-19, decenas de membros da CIG concentráronse ante os edificios da Delegación e Sudelegación do Goberno, o SEPE e os edificios da Xunta do sete cidades galegas.
Con pancartas nas que se podía ler: 'Protexamos á clase traballadora galega', o sindicato manifestouse para denunciar "a sorte de nova reforma laboral que profunda no abuso patronal, non garante os ingresos das familias nin a recuperación do emprego".
Ao seu xuízo, este acordo "evidencia as mentiras do Goberno", que dicía "antepor o interese das maiorías sociais ao interese do capital", xa que "no canto de derrogar a reforma laboral do PP, o Goberno de coalición presenta unha versión máis agresiva e dura baixo a escusa de salvar ás empresas para garantir o emprego".
De feito, para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, este tipo de "políticas económicas e recentralizadoras" son "o caldo de cultivo para que a ultradereita e o fascismo poidan crecer". "A ultradereita non se combate con receitas neoliberais que xa se demostraron fracasadas, hainas que combater con políticas sociais", engadiu.
"PURA PROPAGANDA"
Ademais, a forza sindical cre que "a garantía de emprego da que fala o Goberno é pura propaganda" xa que "a suposta prohibición de despedir durante seis meses nas empresas que se acolleron a un ERTE quedou reducida á mínima expresión" porque "só se aplicará aos ERTE por forza maior.
Con esta aprobación tamén "se permitirá a extinción de contratos temporais", non se acollerán "as empresas en risco de concurso" e no caso de que os despedimentos incumpran a normativa vixente non se considerarán nulos, senón improcedentes.
Estes detalles son os que a CIG sinalou para asegurar que a aprobación da prórroga dos ERTE son un "cheque en branco" para que as empresas sigan decidindo "de forma unilateral" sobre este tipo de expedientes.
No mesmo sentido apuntaron a que "non se garanten os ingresos dos traballadores afectados xa que, a partir do 30 de xuño, as persoas van empezar a 'gastar' o seu desemprego, como ocorría antes".
NULA VONTADE DO GOBERNO
Por todo o anterior, o sindicato cre que "o Goberno xa demostrou non ter vontade de derrogar a reforma laboral" do PP, a pesar de que no seu momento asinou un compromiso electoral entre as formacións que integran o seu Executivo.
Neste sentido, afirmou que "o espectáculo bochornoso a conta do pacto con Bildu evidencia que non hai interese por avanzar neste camiño, senón como moito tocar determinados aspectos" da reforma laboral "cos que lavarse a cara".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.