Aprobado o plan de prevención de incendios, que incorpora un total de dez drons

O operativo estará integrado en total por máis de 7.000 persoas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/05/2020 | Actualizada ás 20:39

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou na súa reunión deste venres o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2020), tras o seu paso polo Consello Forestal. Diso informou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, tras presidir o Consello da Xunta.

Incendio en Invernadeiro
Incendio en Invernadeiro | Fonte: Brigada de Vilamaior

O Executivo remarca que este plan ten como obxectivo xeral "reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais" na Comunidade.

O Pladiga 2020 mantén, en liñas xerais, o esforzo en materia de medios e persoal de loita contra o lume, incorporando algunhas novidades, como a adaptación ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria a causa da COVID-19 e, especialmente, a implementación dun plan de prevención.

Así, o dispositivo humano é similar ao de anos anteriores, pero con maior presenza temporal dos efectivos sobre o territorio, xa que o persoal fixo descontinuo permanecerá despregado seis meses, un máis que na anterior campaña.

O operativo estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións, que terán á súa disposición 360 motobombas, entre outros medios terrestres.

Con respecto aos medios aéreos, o Pladiga 2020 ten entre as súas novidades a dotación de maior capacidade de transporte de auga e a incorporación dun total de dez drons, tanto para vixilancia e disuasión como para prestar apoio á extinción.

No que respecta á adaptación do Pladiga á emerxencia sanitaria, o documento ten en conta os protocolos necesarios para permitir o traballo do persoal en condicións de seguridade e hixiene.

Así, a Consellería do Medio Rural estableceu máis dunha ducia de instrucións e protocolos para os profesionais do servizo, con esa finalidade. A implementación destas guías e protocolos foi trasladada tamén aos representantes dos traballadores en diferentes reunións de traballo e integrada no Pladiga 2020.

PREVENCIÓN

A Xunta salientou que a prevención ocupa, así mesmo, un lugar destacado no Pladiga 2020, cun plan monográfico que foi aprobado polo Goberno galego o pasado 8 de maio e que suporá un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar, con traballos preventivos, en case 46.000 hectáreas e preto de 5.800 quilómetros de pistas e estradas.

Ademais, prevé a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento dos 3.207 xa existentes, entre outras medidas.

No Pladiga 2020 actualízase tamén a información relativa ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Neste caso, o seu número redúcese este ano en máis do 60%, ao pasar das 71 existentes no 2019 a 28 este ano.

Esta cifra, segundo a Xunta, axústase cada ano en función de criterios técnicos, relacionados ou ben co número de lumes rexistrados nestas parroquias ou ben coa súa virulencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta