A Xunta asegura que a negociación do Brexit dá "banzados" dentro do sector pesqueiro

Tamén subliñou que a consecución dun acordo pesqueiro entre UE e Reino Unido ten especial importancia para os portos de Galicia posto que a comunidade conta con intereses e capital en case medio centenar de buques de bandeira británica e de Malvinas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2020 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

A Xunta alertou dos "bandazos" na negociación da saída do Reino Unido da Unión Europea e destacou que mantén a súa aposta por traballar na procura dun acordo pesqueiro a longo prazo que garanta a estabilidade no sector.

Así o trasladou a Consellería do Mar nun comunicado, no que informa de que a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, mantivo este mércores senllas reunións de traballo con representantes do sector pesqueiro de Burela e Celeiro para analizar distintas cuestións de interese para as empresas locais entre as que se atopa a negociación pesqueira con motivo do Brexit.

Conforme asegurou a Xunta, a conselleira e os responsables das organizacións pesqueiras da Mariña lucense avaliaron a situación de incerteza actual, lamentaron os "bandazos" do proceso e coincidiron na necesidade de traballar para alcanzar un acordo de pesca a longo prazo que garanta a sustentabilidade dos recursos e mellore a repartición dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas.

Durante ambos os encontros, nos que tamén participou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, as representantes do Executivo galego destacaron a importancia de estar en alerta ante os efectos do Brexit e incidiron na transcendencia de que a actividade extractiva quede ligada ao acceso mutuo aos recursos, ás zonas pesqueiras e ao mercado.

Segundo apuntou o departamento autonómico, trátase dunha demanda que permitiría dar estabilidade ao sector e que concorda coas conclusións do último informe elaborado polo Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga por encargo da Xunta sobre as relacións pesqueiras entre a UE e o Reino Unido tras o Brexit.

Este estudo, o terceiro deste tipo que realiza o instituto dependente da Universidade da Coruña para a Administración galega e que foi analizado nos encontros co sector, advirte da necesidade de alcanzar un acordo de retirada posto que a súa ausencia dificultaría o desembarque dos produtos pesqueiros nos portos de ambas as partes e derivaría en traballas administrativas, arancelarias e sanitarias.

Por iso, apostou por manter unhas relacións pesqueiras similares ás actuais pero enmarcadas no dereito internacional e por pór en relación os acordos xa existentes e os compromisos adquiridos no marco da Comisión de Pesqueiras do Atlántico Noreste (Neafc).

A clave do acordo, segundo indica o informe, é que reflicte o equilibrio de forzas entre as partes mediante o acceso mutuo aos recursos e o acceso ao marcado, posto que, sinala, o libre acceso ás augas e portos é indisociable do libre comercio e do acceso dos produtos do mar de Reino Unido ao mercado da UE.

A Xunta subliñou que a consecución dun acordo pesqueiro entre UE e Reino Unido ten especial importancia para os portos de Galicia posto que a comunidade conta con intereses e capital en case medio centenar de buques de bandeira británica e de Malvinas, dos cales máis de 30 faenan en augas europeas e son susceptibles de efectuar desembarcos de peixe fresco ou conxelado en portos galegos, entre eles os de Celeiro e Burela.

A titular de Mar abordou esta e outras cuestións cos representantes de Armadores de Burela SA (ABSA), da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e da confraría de pescadores de Burela nun primeiro encontro; e con membros da Organización de Produtores Pesqueiros de Celeiro, de Porto de Celeiro e da confraría de pescadores local no segundo.

Barco de pesca
Barco de pesca | Fonte: Instituto de Investigacións Mariñas - CSIC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta