Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2020 | Actualizada ás 20:52
Os hospitais galegos non comunicaron este venres, por segundo día consecutivo, ningún falecemento, despois de notificar as dúas últimas vítimas mortais ligadas coa pandemia do coronavirus o martes e o mércores desta semana.
En total, en Galicia o número de falecidos ligados co COVID-19 ascende a 618.
Desta forma, o Sergas constata que desde o inicio da pandemia morreron 486 en atención hospitalaria e 132 dentro de residencias de maiores.
Ademais deste venres 5 de xuño, os días sen mortes atribuídas á pandemia en hospitais foron os pasados 29 de abril, 14, 18, 19, 25, 27, 28, 29, 31 de maio, 1 e 4 de xuño.
A PRIMEIRA VÍTIMA, O 14 DE MARZO
A primeira vítima mortal deste virus rexistrouse o 14 de marzo, unha muller de 92 anos que se atopaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo. Nesa mesma xornada producíase tamén a morte dun home de 81 anos ingresado en Pontevedra e que deu positivo na proba de COVID-19.
Neses días, os primeiros da alerta sanitaria en Galicia, nos que a comunidade contaba con menos de 300 casos activos, houbo dúas xornadas nas que non se rexistrou ningunha morte hospitalaria, o 15 de marzo e o 17 de marzo.
A partir do 18, cando as vítimas mortais en Galicia ascendían xa a catro persoas, os hospitais da comunidade comunicaron falecementos todos os días, excepto en 12 xornadas, incluído este venres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.