G. Caballero busca o apoio da mocidade: "Desta crise hai que saír cun compromiso coa xente nova"

O candidato socialista insta a Feijóo a rectificar o peche de centros de día ata despois do verán e gañou o aplauso dun espontáneo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2020 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, rodeouse este sábado dun grupo de mozos para reivindicar en Santiago o "compromiso" dos socialistas con este colectivo, a cuxos integrantes chamou a participar e "sumarse ao cambio" na cita coas urnas do próximo 12 de xullo.

"Desta crise hai que saír cunha prioridade e un compromiso coa xente máis nova", proclamou Caballero, en declaracións aos medios, á vez que afeou ao Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo a "destrución de 70.000 empregos durante os seus 11 anos de goberno".

Máis dunha década á fronte da Xunta na que, segundo o aspirante socialista, Feijóo "abandonou" aos máis novos, que se viron obrigados a emigrar "en busca de novos rumbos". No polo oposto, garantiu o "compromiso claro e férreo" dos socialistas para este colectivo, co fin de que poida superar a crise económica e social derivada da pandemia do coronavirus "con posibilidades de futuro".

O candidato do PSdeG á Xunta, Gonzalo Caballero, nun acto con mozos en Santiago
O candidato do PSdeG á Xunta, Gonzalo Caballero, nun acto con mozos en Santiago | Fonte: Europa Press

"É necesario que teñan emprego digno co que vivir en Galicia, contratos estables e oportunidades laborais na nosa terra", proclamou, antes de garantir o compromiso do PSdeG para traballar e lograr que os mozos que tiveron que abandonar a Comunidade por dificultades para achar un posto de traballo poidan regresar.

ALUGUER, MEDIDAS DE EMPREGO E EDUCACIÓN

Así as cousas, Caballero lembrou que o PSdeG, antes do inicio da pandemia, xa anunciara a súa intención de impulsar, se logra gobernar Galicia, unha serie de medidas para o colectivo dos mozos, entre as que situou iniciativas de emprego e emancipación, un plan de aluguer e un programa de retorno para os mozos que abandonaron a Comunidade.

Tamén remarcou o compromiso socialista coa educación "universal e pública" con medidas como posibilitar, por exemplo, que as primeiras matrículas na universidade "non teñan custo para os alumnos galegos", ademais de traballar para mellorar a situación da formación profesional e o ensino medio.

CHAMADA AOS MOZOS: "QUE NOS ACOMPAÑEN" O 12-X

En fronte, situou a liña de acción política dun PPdeG que, reprobou, "deixa sen futuro aos mozos galegos". E, a continuación, instou aos mozos a participar o 12-X, a "comprometerse" e "contribuír a construír" unha Galicia mellor "sumándose ao cambio con garantías que representa o PSdeG". "Que nos acompañen, queremos facelo coa xente nova, que o fagan connosco", proclamou.

CHISCADELA AOS MAIORES NUN ACTO CON MOZOS

A pesar das medidas de distancia e seguridade que aconsella a desescalada da pandemia, en Porta Faxeira, onde convocou o aspirante socialista, deixouse sentir o ambiente preelectoral ante unha cita coas urnas que terá lugar en pouco máis dun mes.

Así, mentres o candidato atendía os xornalistas, varias persoas achegáronse para preguntar que pasaba e quen era o que ía intervir ante as cámaras e os micrófonos. Algúns, mesmo se animaron a escoitar o que Caballero tiña que dicir aos medios de comunicación e quedaron durante toda a súa intervención.

O público máis fiel, unha muller que fixo numerosas fotografías e un señor que escoitou atentamente a Gonzalo Caballero, distaba en idade da mensaxe para mozas que este sábado tiña en carteira o candidato socialista. Quizais por iso, xusto antes de dar a quenda aos xornalistas para preguntar, o socialista aproveitou para reclamar que "se rectifique" o peche dos centros de día ata despois do verán.

Caballero puxo o foco en maiores e dependentes, censurou a falta de "sensibilidade social" de Feijóo e o seu "desprezo" aos "máis vulnerables", antes de esixirlle que dote os medios, persoal e orzamento necesarios para a reapertura dos centros de día nunha fase que a permite. Se non é así, Caballero garantiu que el mesmo se encargará de facelo se hai un "goberno de progreso" tras o 12-X. Finalizada a súa intervención, arrincou un aplauso do home que se quedou a escoitalo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Supoño que Gonzalito ten fácil rodearse de mozos e mozas... basta tirar da lista que gardan Abel e Carmela dos beneficiarios das becas de inglés... e poden encher varios pavillóns (?) Polo pan baila o can... https://twitter.com/00Gamela/status... Santa Democracia, Ora pro Nobis !!!