As precursoras do Roller Derby en Galicia volven á pista e chaman por novas xogadoras: "É o momento"

As Brigantias regresan ao polideportivo de Monte Alto, na Coruña, logo de tres meses de confinamento. Con todas as medidas de seguridade en regra, estas cantas mulleres deixan as portas abertas para todas aquelas que queiran unirse ao equipo.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A filosofía é clara: "Se che gusta patinar e queres ter unha segunda familia onde te poidas sentir aceptada, valorada e apoiada, este é o teu deporte". Quen fala é a entrenadora Eva Sanjuan e o deporte ao que se refire é o Roller Derby. Alá polo ano 2012, pouco despois de que este xogo atravesara o océano dende os Estados Unidos ata España, a cidade da Coruña puido ver como foi agromando nela un pequeno grupo de mulleres que compartían unha mesma afección: a de competir sobre patíns.

Primeiro adestramento das Brigantias logo do confinamento
Primeiro adestramento das Brigantias logo do confinamento | Fonte: remitida

Así foi como naceu As Brigantias, un equipo conformado por 25 mulleres que chegaron a disputar partidos, non só a nivel galego, senón tamén a nivel estatal e a nivel europeo. Quen había dicir por aquel entón que no 2020 teriamos que paralizalo todo por mor dunha pandemia? Tres meses de confinamento fixéronse ben longos, pero agora estas xogadoras volven á pista con máis forza ca nunca. Precisamente este xoves desenvolveron o primeiro adestramento da tempada logo desta época de letargo obrigado.

VOLTA Á PISTA

O regreso, conta Eva, foi recibido "con moitísimas ganas", non só por parte das antigas xogadoras senón tamén por outras mulleres que decidiron probar sorte e unirse ao barco das Brigantias. Neste contexto de crise sanitaria, os adestramentos tiveron que reaxustarse para cumprir coas distancias de seguridade establecidas e co resto de medidas de prevención. Non é doado para os deportes de contacto coma este adaptarse a unha situación na que cómpre evitar xustamente os roces entre as persoas. De feito, outros equipos de contacto decantáronse por comezar pasado o verán, mais As Brigantias maquinaron o xeito de sacarlle proveito a estes meses. "Agora realizamos exercicios de forma individual, aproveitamos para desenvolver o potencial e traballar as carencias de cada xogadora dunha maneira máis individualizada", explica Sanjuan.

✨ Estamos de volta. As Brigantias regresamos à pista ✨ Os xoves de 20.00-23.00h, acompàñanos no polideportivo de...

Primeiro adestramento das Brigantias logo do confinamento
Primeiro adestramento das Brigantias logo do confinamento | Fonte: remitida
Posted by As Brigantias Roller Derby A Coruña on Luns, 8 de June de 2020

CHAMADA A NOVAS XOGADORAS

Por iso mesmo, anima á mocidade e non tan mocidade a que se achegue calquera destes xoves, de 20:00 a 23:00 horas na Pista de Monte Alto, para darlle unha oportunidade ao Roller Derby. Lonxe de reticencias, este é "un bo momento para iniciarse neste deporte", fala Eva, que tamén explica que non se precisa dunha condición física determinada ou pertencer a un rango de idade específico. As Brigantias está formado por mulleres diversas, que van dende os 16 anos ata os 38, e que conseguiron chegar ben alto "a base de ensaio-erro", aprendendo de vídeos de Estados Unidos en inglés e sen ter nin sequera quen as instruíra naqueles primeiros anos de vida.

Coma se dun edificio construído aos poucos e con esforzo se tratase, estas mulleres lograron incluso traer hai dous anos os Play-Off do torneo internacional da Asociación Feminina de Derby de Pista Plana á Coruña. Se ben este se trata dun deporte minoritario, aquela cita suscitara moita expectación: ao redor de 4.000 espectadores chegados de diferentes recunchos do mundo congregáranse nestes encontros nos que participaron medio milleiro de xogadoras. "Foi algo do que nos sentimos moi orgullosas, non é fácil traer equipos de todo o mundo!", recoñece Eva. "Estamos moi contentas de chegar a onde chegamos".

"POR MULLERES E PARA MULLERES"

E así pois, cos logros conseguidos baixo o brazo e con todo un futuro por diante, as entrenadoras e xogadoras deixan a porta aberta para quen queira informarse e para quen, directamente, queira botarse á pista. O Roller Derby trátase dun deporte "feito por mulleres e para mulleres", aínda que dun tempo a esta parte tamén hai homes que están interesados nel e que procuran conformar equipos masculinos. Naceu, explica Eva, ao longo dos anos vinto como deporte de velocidade, estratexia e contacto no colo dos Estados Unidos. Ao longo do tempo foi evolucionando e modificando regras ata converterse nun deporte con presenza en moitas cidades. 

A súa mecánica baseáse nunha carreira sobre patíns tradicionais ao redor dunha pista ovalada en sentido contrario ás agullas do reloxo. Nese espazo, dous equipos compiten co obxectivo de acumular a maior cantidade de puntos a medida que unha xogadora - a chamada "anotadora" - vai rebasando as xogadoras defensoras. Para iso, está permido impedir e obstaculizar o seu paso mediante o contacto físico reglamentado. 

Por riba de todo, o que a adestradora destaca do Roller Derby é a súa capacidade para crear comunidade. "As mozas fan piña entre elas, anímanse, apóianse e evolucionan xuntas; e iso nótase logo nos partidos: nin sequera fai falta falar, cunha mirada sabemos como vai responder a compañeira". Desexosas de novas xogadoras que se unan á piña, As Brigantias deixan este correo - uneteasbrigantias@gmail.com - para calzar máis patíns na cidade da Coruña. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta