Case 24.000 persoas doaron sangue en Galicia desde o inicio da crise da Covid-19

O volume de doazóns volveu aumentar en 2019 e situouse en 41 por cada 1.000 habitantes, por enriba do índice que recomenda a OMS.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/06/2020 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

Case 24.000 persoas doaron sangue en Galicia desde o 13 de marzo, véspera da declaración do estado de alarma para combater a pandemia de coronavirus. Ás portas da celebración o vindeiro domingo do Día Mundial do Donador de Sangue, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) agradece aos galegos o seu compromiso coa doazón de sangue, que volveu incrementarse en 2019 máis de tres puntos porcentuais respecto ao anterior ano.

Doazón de sangue
Doazón de sangue | Fonte: Xunta.

ADOS lembra que a contribución dos 24.000 galegos que doaron sangue desde mediados de marzo permitiu garantir a actividade asistencial hospitalaria desde o inicio da crise sanitaria causada pola Covid-19, que viviu os seus peores momentos a finais de marzo e comezos de abril.

A Axencia fai balance do ano no que respecta a doazóns. Así, en 2019 volveu incrementarse o volume de doazóns en Galicia. Fíxoo un 3,1% respecto de 2018 e situouse en 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, por enriba do índice de participación que recomenda a Organización Mundial da Saúde.

En total foron 109.330 doazóns de sangue ao longo de 2019, coas provincias de Lugo e Ourense como as que maior incremento presentaron, cunha suba do 13,9 e o 7,3 por cento, respectivamente; segundo destaca a ADOS, que lembra as dificultades sociodemográficas que presentan ambos os territorios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta