Abre o prazo para que empresas turísticas participen do bono turístico para sanitarios

O Clúster do Turismo de Galicia valorará as candidaturas presentadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2020 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a resolución coa que se abre o prazo para que as empresas de sector turístico soliciten a súa participación no bono turístico para profesionais sanitarios.

Diso informou a Consellería de Cultura e Turismo nun comunicado, no que sinala que se trata dunha iniciativa que conta cunha dotación global de 5 millóns e que xorde a petición do propio sector turístico, froito da colaboración entre a Xunta e o Clúster Turismo de Galicia.

Segundo explicou o departamento autonómico, o obxectivo é inxectar liquidez nas empresas desta industria, fomentar o turismo interno, incentivar o consumo e a recuperación da económica e do tecido empresarial da Comunidade ante a crise da Covid-19.

O departamento autonómico sinalou que máis de 100 empresas dos ámbitos do aloxamento e as axencias de viaxe avanzaron xa á Consellería de Cultura e Turismo o seu interese por participar neste programa, que agora poderán formalizar para así ofrecer os seus servizos asociados.

Cultura e Turismo explicou que se trata dunha proposta similar ás que se están impulsando noutros destinos españois coa finalidade de favorecer a reactivación deste sector, especialmente afectado tras semanas de inactividade.

Así pois, a Xunta considera que está medida constitúe unha das principais demandas do sector turístico galego tras a crise sanitaria polo "importante efecto multiplicador do dinamismo desta actividade".

SEGUNDA FASE

Nunha segunda fase, unha vez que se complete a oferta inicial dispoñible, abrirase o prazo de solicitude para as persoas beneficiarias, case 20.000 profesionais dos ámbitos sanitario e sociosanitario, que poderán solicitar o Bono Túrístico dunha forma totalmente voluntaria.

Segundo recolle o DOG, nesta primeira fase, poderán solicitar a súa adhesión empresas ou agrupacións de empresas que ofrezan servizos de aloxamento, así como as axencias de viaxes que desenvolvan a súa actividade en Galicia e estean inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT).

Os negocios interesados deberán presentar a súa solicitude completando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. Ademais, deberán rexistrarse na plataforma Turespazo para presentar os paquetes e experiencias turísticas ofertadas.

DESCONTOS DO 15%

Entre as opcións que poderán ofertar aos beneficiarios destacan produtos turísticos ou experiencias que deberán ofrecer un desconto mínimo do 15% sobre o prezo ordinario do servizo e cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias adecuadas para garantir a máxima seguridade para traballadores e usuarios.

Ademais, as empresas que soliciten a súa adhesión recibirán asesoramento por parte da Xunta e o Clúster de Turismo deGalicia sobre as dúbidas que presenten relacionadas coa operativa do mesmo.

As solicitudes por parte dos establecementos serán valoradas por unha comisión mixta composta por representantes do Clúster Turismo de Galicia e do Goberno galego, que procederán a retirar aquelas ofertas que consideren que non se axustan ao obxectivo da iniciativa.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. CONCHI PAZ
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. CONCHI PAZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta