Xuízo Pazo de Meirás: O avogado dos Franco ve "transfondo político"

Alcalde de Sada: "O xuízo de Meirás é o inicio da gran recuperación da dignidade das vítimas do réxime". A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, "optimista" ante o xuízo polo Pazo de Meirás.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 06/07/2020 | Actualizada ás 10:14

Comparte esta noticia

O avogado da familia Franco, Luís Felipe Utrera Molina, considerou que detrás do xuízo do Pazo de Meirás, hai "un transfondo político". "O que se defende é unha propiedade dun inmoble, esperamos que non haxa ningunha implicación de tipo político porque é de natureza civil", insistiu.

Así, recalcou que, para esta parte, "o que realmente se trata é a discusión da propiedade dun inmoble que tanto o Estado como o resto das institucións que están personadas abandonaron por completo no ano 75 e só acordáronse diso 44 anos despois".

"Non se acordaron cando se destruíu, non se acordaron cando se incendiou, cando houbo que reconstruílo e acórdanse agora", dixo. Sobre o xuízo, que está previsto que se prolongue ata o venres, dixo que o seu obxectivo é "defender o dereito de propiedade" da familia Franco sobre o pazo situado no municipio de Sada.

"Son os lexítimos propietarios que estiveron mantendo e pagando todos os impostos do pazo durante os ultimos 45 anos", sostivo fronte aos argumentos da Avogacía do Estado, que presentou a demanda, e das demais partes intervenientes que se suman á mesma: a Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación coruñesa.

Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, mostrou o seu desexo de que o xuízo para a recuperación do Pazo de Meirás acabe de maneira "satisfactoria". Antes do inicio da vista na Coruña, explicou que o documento da venda do edificio é "crucial" e afirmou que a segunda escritura, do ano 1941, "non é válida".

"DÍA HISTÓRICO"

O alcalde de Sada (A Coruña), Benito Portela, cualificou de "día histórico" o inicio do xuízo para a recuperación do Pazo de Meirás e considerou que é "o inicio da gran recuperación da dignidade das vítimas do réxime". En declaracións aos medios, o rexedor cre que o proceso xudicial é "importantísimo".

"Os documentos aparecidos e recoñecidos pola parte demandada recoñeceron que non lle valeu nin un duro a Franco, por tanto entendemos que ten que ser patrimonio público dunha forma efectiva dunha vez", subliñou Portela.

O alcalde da localidade coruñesa sinalou que Meirás foi durante moitos anos "o epicentro do réxime fascista" e un "símbolo", polo que cre que o xuízo significará "o inicio dunha gran recuperación da dignidade para todas as vítimas do réxime".

"OPTIMISMO"

Pola súa banda, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Fernando Souto, mostrouse "optimista" antes do inicio do xuízo pola propiedade do Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña). "É un momento histórico e, para nós, moi ilusionante e de moita alegría", engadiu.

Souto, que tamén representa a Iniciativa Galega pola Memoria, que coordina a todas as asociacións de memoria histórica de Galicia, considera que o proceso xudicial é un "momento histórico" porque "vai cambiar a historia do Estado español". "Cambiará o concepto de doazón ao de venda simulada", agregou.

PROTESTAS

No exterior da antiga Audiencia Provincial da Coruña, onde se celebra o xuízo a partir deste luns, están concentradas unha vintena de persoas con pancartas. Unha delas reza "Fascismo, nunca máis. Fin da impunidade xa" e outra "Acción civil prol-devoluvión".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 CastelaoPaSogama

O xuizo e moi importante, sí, para que as boas xentes de esquerdas podan alimentar o conflicto permanente a través do vitimismo, montar chiringuitos, cobrar as subvencións e vivir do conto. O mesmiño que cos temas do clima, cuestións LGTB+, animalismo, feminismo tóxico, ideoloxía de xénero, etc. Para a xente de esquerdas as súas bases son burriñas, non teñen capacidade de pensar, e se o fan, hai que axudalos a que fuxan da lóxica e o pensamento racional, así que hai que convencelas tocándolles a friba. E non hai mais. Canto mantén a fariña de pescado mi madriña, pffff