O Concello de Santiago lanza unha oferta de emprego público con 27 prazas

A ampliación tamén recolle unha vintena de postos para promoción interna.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2020 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela aprobou a oferta de emprego público para o ano 2020, a través da que se impulsarán un total de 27 prazas de acceso libre e outras 19 de promoción interna. Así o detallou en rolda de prensa o rexedor local, Xosé Sánchez Bugallo, na que explicou que a oferta vén determinada polo número de vacantes producidas e cumpre coas limitacións impostas desde o punto de vista legal para convocar as prazas.

Do montante que oferta o Concello, as 27 prazas libres estarán adicadas a postos administrativos, técnicos de xestión, letrado, arquitecto, inspección ou de bombeiros. As restantes 19, de promoción interna, cubrirán a banda de música, corpo de Policía local, de Bombeiros, ou coordinadores de centros socioculturais, entre outros.

"NECESIDADE" DO RADAR DE CONXO

O rexedor insistiu este luns na necesidade do radar situado en Conxo, que empeza a funcionar con capacidade sancionadora, polo "incumprimento xeneralizado" dos límites de velocidade. Así, durante un dos días de probas previas, realizadas a semana pasada, os primeiros 2.000 vehículos controlados xa excedían o límite establecido.

En todo caso, lembrou que se trata "dun tema anunciado ao longo de meses" e que se puxo "sobre aviso a todo o mundo". O obxectivo é "reducir a sinistralidade" e a "gravidade" dos accidentes que se poidan producir, e non ten afán recadatorio, segundo apuntou o dirixente. De feito, tampouco está prevista a instalación de novos radares na cidade, aínda que non se descarta nun futuro en función das circunstancias.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

APARCADOIRO BELVÍS

A xunta de goberno local aprobou, á súa vez, o proxecto de mellora da accesibilidade e integración do aparcadoiro municipal en superficie do parque de Belvís, cun orzamento de 353.740 euros e un prazo de execución de catro meses. En todo caso, Bugallo trasladou as súas dúbidas de que a empresa Tussa sexa capaz de executar a actuación e "facer fronte aos custos" este ano, debido á situación xerada polo coronavirus, polo que quedaría para 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta