Aumentan a sete os pacientes con COVID-19 hospitalizados en Galicia, seis deles na área de Lugo

As UCI galegas continúan sen ingresos por esta infección.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/07/2020 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Os pacientes con positivo en coronavirus COVID-19 ingresados en hospitais de Galicia aumentaron a sete este martes --seis na área de Lugo e un na Coruña--, un máis que este luns, mentres que as UCI galegas continúan sen hospitalizados coa infección.

Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

Segundo os datos facilitados este martes polas áreas sanitarias de Galicia, na da Coruña e Cee permanece un paciente con COVID-19 ingresado en planta do Chuac. Ademais, sumáronse outras seis altas epidemiolóxicas.

Na área de Lugo, na Mariña e Monforte os casos activos aumentaron a 151, ao sumarse oito máis que este luns, dos cales seis corresponden a pacientes ingresados --un no HULA e cinco no Hospital Público da Mariña--, mentres que 145 permanecen en seguimento domiciliario.

Ata a data nesta área sanitaria, que rexistra un brote de COVID-19 con máis de 120 casos, faleceron 28 persoas e rexistráronse 932 altas, sinalaron fontes sanitarias.

Na área de Vigo os 60 casos activos atópanse en seguimento no seu domicilio e os hospitais desta seguen sen pacientes ingresados con COVID. Ata a data curáronse 2.131 persoas.

Mentres, na área de Pontevedra e O Salnés os casos activos ascenden a tres, todos eles en seguimento domiciliario. Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 901 pacientes e houbo 16 falecidos.

Pola súa banda, na de Ferrol os casos activos mantense en dous, todos eles en seguimento domiciliario. Ata a data suma 582 casos non activos e 33 falecidos.

A área Sanitaria de Santiago e Barbanza, pola súa banda, rexistra 13 casos activos, todos en seguimento en domicilio e segue sen pacientes hospitalizados. Ata o momento as persoas curadas ascenden a 1.754 e as PCR realizadas sitúanse en 32.200, unha vez que concluíu o test en residencias, matizaron fontes sanitarias.

E na área de Ourense os tres casos activos corresponden a pacientes en seguimento domiciliario. Esta provincia rexistra 1.881 persoas curadas e 132 falecidas. Ata o momento realizou 28.196 PCR.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta