Concellos de Trives acusan á Xunta de non informar sobre un positivo por COVID na comarca

Municipios da Terra de Trives confirman un positivo por coronavirus procedente de Lleida, logo de efectuaren eles mesmos as investigacións “ante a ausencia de información da Xunta”.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 18/07/2020 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

Os concellos de San Xoán de Río, Manzaneda e A Pobra de Trives confirmaron “un contaxio” por coronavirus na comarca, en concreto, un traballador chegado de Lleida. Nun comunicado enviado este pasado venres, os tres concellos sinalaban que “ante os rumores na nosa zona” convocaron o comité de urxencia que máis tarde sinalou o positivo.

Test COVID-19 en Galicia.. DAVID CABEZÓN
Test COVID-19 en Galicia.. DAVID CABEZÓN | Fonte: XUNTA DE GALICIA - Arquivo

A persoa afectada está ingresada no CHUO de Ourense. O ingreso produciuse ante a investigación levada adiante polos concellos mencionados e “ante a ausencia de comunicación nin información por parte da Xunta de Galicia”.

Ademais, sinalan que cando contactaron coa Xunta, esta “non acertaba a darnos unha información concreta” nin medidas para evitar a propagación dun brote de COVID-19. Así mesmo, puxéronse en contacto con todos os establecementos e persoas coas que mantivo contacto esta persoa xa ingresada.

Ante esta situación, os tres concellos asinantes do comunicado esixen que a Xunta envíe equipos para realizar probas PCR, illar todas as persoas que tiveron contacto directo co traballador. Esixir responsabilidades á empresa por ter enviado un traballador con síntomas compatibles coa COVID desde unha zona de alto risco.

Por último, piden que se contacte coa pasaxe do tren en que veu o traballador desde Cataluña. Así mesmo, piden tranquilidade á poboación, que se adopten as medidas necesarias para evitar un brote e que a Xunta tome medidas de urxencia por ser a entidade competente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta