O foco do ximnasio de Arteixo, o máis importante de Galicia, segue aumentando

Detectan dous novos positivos que suman xa 49 contaxiados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2020 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O brote de COVID-19 relacionado cun ximnasio situado na poboación de Meicende, no termo municipal coruñés de Arteixo, suma dous novos positivos, que elevan a 49 os contaxiados.

Así o informou este martes a área sanitaria da Coruña e Cee na que se enmarca este brote rexistrado na localidade de Meicende e as súas ramificacións por distintas localidades desta área, que destacou que "evoluciona favorablemente" ao contabilizar "tan só dous novos casos nos dous últimos días, unha vez realizados os rastreos e estudos correspondentes".

As mesmas fontes indicaron que "segue detectándose algún caso relacionado coa contorna familiar de positivos detectados con anterioridade, así como algún caso illado". O seguimento dos contactos relacionados con este brote rexistrado en Meicende e as súas ramificacións levou a realizar 350 PCR este luns, puntualizaron as mesmas fontes.

Ante a posibilidade de novos contaxios, a Consellería de Sanidade "segue traballando co obxectivo de limitar o risco de novas infeccións, tomando as medidas preventivas indicadas nos protocolos aplicables a esta situación".

ORIXE

A orixe do brote sitúase nun usuario dese ximnasio que tamén traballa como porteiro dun pub de Santa Cruz, no municipio de Oleiros (A Coruña), local que foi pechado hai días.

No centro de adestramento situado en Meicende suspendéronse as clases, pero o rastrexo dos contactos realizado pola área Sanitaria da Coruña e Cee orixinou a detección destes novos casos, que xa están illados e en seguimento domiciliario.

Un dos positivos é o dun vixiante do centro cívico de Monte Alto, usuario tamén do ximnasio, así como traballador do matadoiro municipal da Coruña.

Ximnasio de Meicende, en Arteixo, un dos grandes focos de coronavirus en Galicia
Ximnasio de Meicende, en Arteixo, un dos grandes focos de coronavirus en Galicia | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta