Sanidade agrupa na app 'Passcovid' utilidades para rastrear o virus e facilitar a comunicación cos sanitarios

A descarga e uso da aplicación terá carácter voluntario e estará dispoñible para residentes e visitantes en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2020 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade ultima a posta en marcha da app 'Passcovid' que agrupa utilidades para facilitar a comunicación entre os cidadáns e os servizos sanitarios no marco da crise polo coronavirus COVID-19.

Segundo informou Sanidade, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería de Sanidade pola que se regula o sistema de información 'Passcovid', que desenvolve a Xunta como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

A aplicación 'Passcovid', explica Sanidade, "actuará como canle telemática e preferente de contacto con residentes e transeúntes en Galicia, conectada co Servizo Galego de Saúde e a Central de Rastrexo de contacos e a aplicación estatal RadarCovid, como un complemento para o traceo automático de contactos".

A través de 'Passcovid' recibirase o código alfanumérico que debe introducirse en RadarCovid no caso de que, "de forma voluntaria", matiza Sanidade, "a persoa desexe reportar o positivo". Entre as funcionalidades que integran a aplicación galega, destacou Sanidade, inclúese achegar "información relevante e consellos sobre a evolución da COVID-19 en Galicia, anunciar a adopción de medidas ou os protocolos vixentes, e mesmo trasladar recomendacións sobre o modo de como afrontar a actual situación sanitaria".

OPTIMIZAR A XESTIÓN

Coa intención de "optimizar ao máximo a xestión e control da expansión do virus na comunidade", incide a Consellería, "a axilidade da nova ferramenta de participación cidadá, permitirá adoptar medidas adecuadas cunha maior celeridade e precisión segundo evolucione a situación epidemiolóxica".

O novo sistema de información, en fase de pilotaxe na actualidade, estará dispoñible para as persoas usuarias a través dunha aplicación para dispositivos móbiles e poderá ser utilizado por calquera persoa, maior de idade, que resida ou se atope temporalmente na Comunidade galega. Por iso, o acceso e uso da aplicación por menores de idade está limitado a aquelas funcionalidades do sistema que non requiran do tratamento dos seus datos persoais.

Sanidade sinalou que tanto a instalación da aplicación como a habilitación de cada unha das súas funcionalidades e o seu uso "serán sempre voluntarios, garantindo a privacidade e confidencialidade dos datos que se introduzan na mesma". Deste xeito, a Xunta asegura que "agrupa nunha única app un conxunto de utilidades para cidadanía, que servirán de soporte e axuda para os profesionais sanitarios".

PERFIL ANÓNIMO OU PERSONALIZADO

As persoas que descarguen a aplicación 'Passcovid' poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado, ou ben, por un perfil anónimo. Este sistema de información 'Passcovid.gal' estará vixente ata a finalización da situación de crise sanitaria, que será declarada polo Goberno estatal ou, de ser posterior, ata o momento da declaración polo Executivo autonómico da finalización da situación de emerxencia sanitaria.

O fin da vixencia do sistema de información será publicado no DOG e, subliña Sanidade, "implicará a inmediata desactivación da app, sen prexuízo de que os datos deban conservarse en cumprimento da normativa sanitaria, ou polo seu valor científico e epidemiolóxico, nese caso conservaranse de forma anónima".

Pantallazo app Radar Covid. EUROPOA PRESS
Pantallazo app Radar Covid. EUROPOA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta