Por Sara Gil | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2020 | Actualizada ás 14:00
Dorothé Schubarth foi unha musicóloga e compositora suíza que desenvolveu, dende a súa cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna, unha intensa tarefa de pescuda da música popular europea. En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a súa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso, deveu en anos de pescudas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas que se poden encontrar no Museo do Pobo Galego.
En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, foi publicado o Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, unha edición patrocinada pola Fundación Barrié coa autoría de Dorothé Schubarth en Antón Santamarina.
Hoxe en día, esta obra tan consolidada, é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega, o máis amplo repertorio musical da lingua da nosa terra.
DOROTHÉ NA VILA
Hai dous anos, en 2018, Alejandro Gándara e Olaia Tubío escoitaron este relato por boca de Richi Casás, un saxofonista neto dunha das mulleres que lle cantou a Dorothé para axudala na seu traballo de campo. Gustoulles tanto o tema que quixeron seguir os pasos que seguiu Dorothé hai 40 anos é o resultado de todo isto foi o documental "Dorothé na vila".
Olaia e Alejandro botaron case dous anos recorrendo Galicia buscando ás persoas as que Dorothé gravara. O proxecto levounos ao Courel, Pol, A Fonsagrada, Muxía, Tordoia, Cerceda, Carnota e un longo etc. Segundo relatan os creadores do documental, foi moi difícil encontrar a todas as persoas que formaron parte do Cancioneiro Popular Galego, ademáis que moitas delas xa finaran. De todos modos, reuníanse coas familias destes para ensinarlles as gravacións e as fotos que Dorothé e Antón Santamarina fixeran deles no seu traballo de recollida.
Os directores da cinta, Olaia e Alejandro, deixan claro que o documental non pretende ser un resumo do que Dorothé veu facer a Galicia, senón de completar o traballo que fixo hai 40 anos coa visión de hoxe en día.
O documental ten unha canle propia de YouTube, na que podemos ver cintas das diferentes gravacións e fotos que foron tomadas en lugares como Muxía, Carnota e A Fonsagrada e tamén podemos gozar da sección "[Fora de documental]", con contidos arredor do Cancioneiro Popular Galego e a súa influencia en músicos actuais, como Xabier Díaz, artistas e investigadores.
ESTREARASE O VINDEIRO 27 DE AGOSTO
Co motivo da volta da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) este 25 de agosto, o documental será proxectado por primeira vez o 27 de agosto as 22:00 no Parque de Bonaval en Santiago de Compostela, nas xornadas de cinema ao aire libre que organizou a Mostra por mor da Covid-19. As entradas para a estrea xa están esgotadas.
O documental xa recibiu o premio Luisa Villalta por parte da Deputación da Coruña e na Mostra poderán optar a galardóns como "Mellor Película Etnográfica", "Mellor Película Galega" e "Premio do Público".
Na cinta, a parte dos seus directores Olaia Tubío e Alejandro Gándara, tamén traballaron Rubén Gasalla como director de fotografía e Lucía Estévez como montaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.