Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/03/2013 | Actualizada ás 21:40
A plataforma de boicot ao grupo Inditex (#BoikotInditex) inicia unha nova acción. O colectivo acaba de publicar no seu blog un vídeo que recolle novas accións de presión contra a compañía fundada por Amancio Ortega. Nas imaxes se mostra a un grupo de persoas que etiquetaron as prendas de roupa nunha serie de tendas do grupo, visibilizando o que consideran "as malas prácticas que levan a cabo" en Inditex.
Agora, a plataforma convida aos demais cidadáns a que fagan o mesmo e inicien visitas ás tendas do grupo Inditex e peguen etiquetas como as que se amosan no vídeo sobre as etiquetas oficiais dos produtos da compañía galega. Nesas etiquetas rezan lemas como "Amancio máis rico e nós máis pobres", "Esta prenda está feita por nenas escravas", "100% feito por nen@s de 8 anos", "Esta prenda é froito da escravitude", "Esta prenda custoulle a Amancio 0,20 céntimos" ou "Mercando esta prenda favoreces a explotación laboral", entre outros.
Ademais, o vídeo comeza coa imaxe conxelada de Amancio Ortega e do presidente executivo de Inditex, Pablo Isla, ambos os dous cun naris de paiaso e de fondo o índice da Bolsa de Madrid.
Con esta acción, os membros da campaña de boicot a Inditex queren facer "conscientes" aos clientes das tendas de Inditex de que ao comprar esas prendas "colaboran coas prácticas que o grupo Inditex leva a cabo en todo o mundo, como a explotación, a venda dun modelo de beleza que oprime ás mulleres, etc".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.