Por Galicia Confidencial | Santiago | 05/04/2013 | Actualizada ás 21:03
A 'semana de pasión' de Alberto Nuñez Feijóo remata sen que o presidente lograra aclara até cando e porqué mantivo unha relación con contrabandista Marcial Dorado. A súa explicación inicial, que se trataba dun coñecido co que non tivo contacto directo e co que cortou a súa relación en 2001, é arestora moi feble.
O presidente da Xunta viaxou tamén co narco e as súas parellas a Londres, segundo publica Vox Populi citando fontes do PPdeG galego. El País tamén publicou que Feijóo viaxou co delincuente a Ibiza e estivo nalgunha celbración de Dorado en Cascais, Portugal.
O líder conservador non desmentiu ningún destes datos, e mesmo recoñeceu que viaxara co narco á "neve", cree que aos Picos de Europa e non a Andora como parece que lle dixera antes a El País. O motivo de tanta viaxe xuntos non se sabe, á espera da comparecencia no Parlamento este mércores. Feijóo insiste en que a "infamia" dos medios contra el xa morreu e acusou aos xornalistas de tentar "estirar" a polémica.
O PSOE apunta a onde apuntou Compromiso
"A infamia non é que se publicaran esas fotos (...) a infamia son as amizades do presidente", asegurou hoxe en delcaracións a ser o voceiro socialista no Parlamento de Galicia. Abel Losada lembrou na Ser que o PSOE pediu as facturas de subministro do Sergas e do Insalud no período en que estivo ao frente o presidente do PPdeG.
Os socialistas demandan coñecer, segundo explica o deputado José Luis Méndez Romeu, "contratos de suministro de servicios entre empresas do narcotraficante e o Sergas e concesións administrativas da Consellería de Pesca polas mismas datas". O PSdeG apunta en primeiro lugar ao subministro de gasóleo a hospitais. Como adiantou GC, Dorado tiña participación en varias gasoliñeiras, unha delas no Porto da Illa de Arousa.
Quen primeiro denunciou os "indicios" sobre contratos da Xunta con gasoliñeiras de Dorado foi Compromiso por Galicia. Este partido tamén, ao igual que o PSOE, pide explicacións en relacións a concesións da Consellería de Pesca.
A Xunta autorizou a compra e venda de bateas de Dorado
Cómpre lembrar que unha das compañías nas que ocupou cargos Dorado traballa no sector do mexillón. En 1998, cando se tomaron as polémicas fotos, a Consellería de Pesca, autorizou a transmisión dunha batea para o narco. Dous particulares vendéronlla a batea Rope, situada en Cambados, a Mitulo S.A.
En 2003 a Consellería de Pesca autorizaba a transmisión doutra batea, nesta ocasión dende Dorado cara Manuel Vidal Padín, quen en 2011 foi condenado por formar parte dunha organización que introducía cocaína.
Con todo, ao contrario do que informou La Sexta, trátase de autorizacións de negocios entre particulares, non de concesións da Administración a ninguén. A Xunta non ten bateas de seu e ten a obriga de tramitar a venda entre os cidadáns se cumpren os requisitos.
O outro gran enigma sen resolver do caso é quen filtrou as fotos. A muller de Dorado declarou o xoves a Europa Press que hai más fotos con otros políticos de todos os partidos. A esposa insistiu na inocencia do seu marido e do propio Feijóo, polo que parece que descartábel que as imaxes saíran da familia do recluso. Tendo en conta que non ten sentido que a oposición sacase estas fotos despois de perder as súas segundas eleccións contra o dos Peares, a versión que se está impondo nos medios é que a filtración provén das propias filas conservadoras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.