Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/09/2020 | Actualizada ás 19:26
O sector galego de eventos e espectáculos uniuse este xoves ao de todo o Estado nunha serie de protestas coas que quixo visibilizar a súa "delicada" situación e reclamar ao Goberno "medidas urxentes" para garantir a súa supervivencia.
Trátase, explicaron, dun sector cunha forte "fraxilidade estrutural" e unha "inseguridade xurídica alarmante", o que fai del "un dos máis castigados pola crise sanitaria".
"Foi este sector un dos primeiros en suspender a súa actividade e, seis meses despois, a parálise segue sendo a nota dominante", explican desde a Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo (Tesgal).
Por iso, os integrantes do sector manifestáronse este 17 de setembro en 28 cidades en España --entre elas Santiago-- para dar visibilidade á súa situación, unhas concentracións "controladas e limitadas" ás que foi necesario acceder con ticket previo e respectar as medidas de seguridade. En Vigo tamén estaba convocada unha protesta, pero a intensa choiva caída esta tarde obrigou a suspendela.
O movemento, que se presenta nas redes sociais baixo a etiqueta #AlertaVermella --#Alertaroja a nivel estatal-- insta o Goberno de España a "tomar medidas urxentes nas próximas semanas" para "garantir a supervivencia do sector", así como a "crear de inmediato unha mesa sectorial que dea prioridade á regulación a través da negociación dun convenio colectivo sectorial de ámbito nacional".
Entre as medidas urxentes que reclaman está a "reactivación automática das axendas culturais e de eventos das administracións públicas", en especial das entidades locais, "baixo o estrito cumprimento dos protocolos de seguridade sanitaria"; a prórroga da prestación especial por cesamento de actividade, a prórroga dos ERTE ou a aplicación de IVE reducido nos sectores vinculados á cultura e os espectáculos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.