Por E.P. | Pontevedra | 22/09/2020 | Actualizada ás 16:41
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes os anuncios da Consellería do Medio Rural polos que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas dos montes Casa das Minas e San Bernabé, Limeres, Ventín, Faro Aveloso e Agüeiros, todos eles situados na provincia de Pontevedra.
En concreto, dous deses montes pertencen ao concello de Cerdedo-Cotobade. Trátase da Casa das Miñas e San Bernabé -de titularidade da Comunidade de Montes de Chamadoira- e do Limeres, da comunidade do mesmo nome.
Os outros son o monte Ventín -en Fornelos de Montes e de titularidade da CMVMC de Ventín-, o Faro Aveloso -da Comunidade de Montes de Meira, en Moaña- e do monte Agüeiros, de titularidade da entidad local menor de Arcos da Condesa, no concello de Caldas de Reis.
A partir deste mércores, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural de Pontevedra os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunos.
A consellería está a tramitar actualmente un total de 40 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 2.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, sete corresponden á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, cinco á de Ourense e 11 á de Pontevedra.
En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.