Ecoloxistas denuncian que a UE está a "impoñer" o 5G e avisan de posible "dano social xeralizado"

Aseguran que a UE condiciona o acceso ós fondos de reconstrución á implantación da tecnoloxía. Piden demorar a súa entrada para analizar os posibles danos derivados da extracción de minerais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

En pé de guerra contra o 5G. A división galega da formación Ecoloxistas en Acción vén de emitir un comunicado público cargando contra o avance da tecnoloxía 5G en España no que esixe que se someta a "demora" para evitar "dano social xeralizado". Aínda que a petición, nunha primeira lectura, poida vencellarse ás teorías sobre o suposto dano das ondas electromagnéticas, dende a plataforma tan só fan referencia ós perxuízos "asociados ao extractivismo", é dicir, a minaría.

Aplicacións dun teléfono móbil. EUROPA PRESS - Arquivo
Aplicacións dun teléfono móbil. EUROPA PRESS - Arquivo

No marco do Estado español a tecnoloxía 5G vén fortemente impulsada pola Unión Europea, que -segundo a asociación verde- acaba de inxectar 700 millóns de euros para impulsala. O primeiro dos problemas apreciados por Ecoloxistas en Acción é que o apoio económico está a vir da man dunha "desregulación" que, destacan, podería dar espazo á "destrución e impactos sobre a saúde e ecosistemas".

Esta circunstancia podería darse porque, segundo os ecoloxistas, o plan de acción do 5G impulsado pola UE "evitará os trámites ata agora necesarios para as infraestruturas de telefonía". Esta regulación, en suma, é comprendida pola asociación verde como un xeito de que "socavar" os procesos de avaliación de impacto ambiental.

"IMPOSICIÓN DE FACTO"

Fronte a esta circunstancia, Ecoloxistas en Acción chama a poñer freo ó avance do 5G para dar posibilidade "un cuestionamento democrático da extensión desta tecnoloxía", que -consideran- está a avanzar no seo do estado "a un ritmo cada vez máis acelerado". Neste aspecto, instan a contemplar a "necesidade de estudos e atención previa a todos os factores de risco" antes de conceder as novas frecuencias. O obxectivo, pois, non é outro que evitar ese "dano social xeneralizado" que, destacan, podería derivar dunha regulación "tardía ou insuficiente".

O principal conflito desta vontade é que, segundo destaca a propia asociación, a UE condiciona o acceso aos fondos de reconstrución post-covid a aceptar a tecnoloxía. "Atendendo á case imposibilidade para calquera país de renunciar a estes, o que estaremos vivindo é unha imposición de facto". Por riba, destacan o impulso á tecnoloxía estase a realizar "nun momento no que o debate político, social, científico, económico e sanitario sobre os seus efectos segue sendo insuficiente".

A organización ecoloxista destaca así a necesidade de aplicar o chamado "Principio de Precaución" e "dotar a sociedade civil do tempo e os medios necesarios para avaliar ditos impactos". "A partir de dita avaliación, poderíase decidir democraticamente si dita tecnoloxía se encontra ou non en liña cos seus intereses e prioridades", subliñan no comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta