Suspendidas as operacións non urxentes en Ourense polo aumento de ingresos por covid-19

A área sanitaria lembra que atende nestes momentos a "máis da cuarta parte" dos contaxiados en toda Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 22/10/2020 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A área sanitaria de Ourense suspendeu a actividade cirúrxica programada ante o aumento de ingresos pola covid-19 e co obxectivo de asumir "con seguridade" aquelas intervencións que requiran unha atención urxente, preferente, ou as relacionadas con cuestións oncolóxicas.

Unha sanitaria prepara probas PCR
Unha sanitaria prepara probas PCR | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Segundo sinalou a área sanitaria, a actual ocupación de camas de críticos, "tanto de pacientes covid --15-- como non covid", así como o número de hospitalizados en planta --máis de 100 na área-- susceptibles de descompensación e de requirir unha atención intensiva "aconsella limitar a actividade cirúrxica urxente programa".

Deste xeito, sinalou que a actividade cirúrxica programada demorable está a aprazarse ou substituíndose por procesos que non requiran de coidados intensivos postcirúrxicos nin estancia hospitalaria. Todo iso co obxectivo de "salvagardar a capacidade de ingreso en previsión das necesidades derivadas da actual situación e da repunta de ingresos habituais neste período do ano".

A área sanitaria explica que a volta da programación ordinaria "dependerá da evolución da pandemia" en Ourense que, segundo apunta, "neste momento atende a máis da cuarta parte de pacientes contaxiados de Galicia, cos seus principais núcleos poboacionais en nivel tres" e con "restricións de mobilidade e reunión".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta