PSOE e BNG rexeitan o peche dun dos dous centros de saúde de Cenlle por carecer de "sala covid"

Temen que sexa unha escusa para proceder ao peche definitivo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2020 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

PSOE e BNG mostraron este martes o seu rexeitamento ao peche dun dos dous centros de saúde que se sitúan no municipio ourensán de Cenlle, o situado na localidade de Barbantes, para, segundo informou o Concello, "protexer os veciños" ao carecer de "sala covid".

Centro de saúde en Cenlle
Centro de saúde en Cenlle | Fonte: Google Maps.

En primeiro lugar, o Partido Socialista denunciou que se trata "doutro episodio de recortes levados pola Xunta en materia de sanidade", xerando un "golpe mortal máis" á vida no rural.

Neste sentido, os socialistas sosteñen que a decisión "prexudica a centos de veciños e veciñas" que xa teñen unha idade e, en moitos casos, non contan con medios propios para poder desprazarse. Ademais, aseguraron temer que o peche temporal sexa unha escusa para proceder ao peche definitivo e lembraron que, mentres que "hai anos" cada un dos centros dispuña dun médico, actualmente había só un encargado de rotar entre os edificios.

O PSOE alerta de que o peche destas instalacións, ademais, suporá un problema de "colapsos e atrasos" no centro de Cenlle ante o aumento de pacientes e acusou o PP de "precarizar os servizos co obxectivo de que a xente abandone o rural" e instou ao grupo municipal do PP a "defender a sanidade pública" e "loitar contra este peche".

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego considerou que "se trata dun proceso de desmantelamento da sanidade pública" no concello que, segundo denuncia, "xa comezou tendo que compartir o médico entre os centros de saúde". Ademais, lamentou que se trata dunha decisión "feita unilateralmente" polo equipo de goberno "case de forma clandestina" e pediu a mobilización veciñal para recuperar este servizo.

Os nacionalistas sinalan que o peche non só afecta a Barbantes, senón tamén a outras vilas nas que a media de idade supera os 70 anos e nas que a maior parte dos veciños viven sós. Por iso, do mesmo xeito que os socialistas, advirten de que o peche se poida prolongar máis aló da pandemia.

DECISIÓN PARA "PROTEXER OS VECIÑOS"

Pola súa banda, o alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez, afirmou que "non se trata dunha decisión unilateral" senón que é unha decisión "tramitada polo Sergas" para "protexer aos veciños" centralizando as consultas.

Ademais, explicou que o centro de Cenlle ten dúas salas preparadas, unha delas "para a atención Covid" polo que, conforme sinalou, "en caso de chegar pacientes con estes síntomas é un espazo moito máis seguro do que era o centro de Barbantes" no que "non hai espazo".

En canto á preocupación veciñal polos desprazamentos, mantivo que desde o Concello xa valoraban esta situación e por iso porase a disposición dos veciños "un servizo de desprazamento acordado en base ás necesidades".

O alcalde tamén quixo destacar que as críticas da oposición sobre que se trata dun "desmantelamento da sanidade pública rural" son "infundadas" porque do que se trata é de "prevención para os veciños".

Neste punto, sinalou que "non tería sentido" por parte nin de Sanidade, nin do Concello de Cenlle, nin da Deputación de Ourense o peche dun centro que "se reformou hai menos dun ano e que supuxo un gran desembolso económico" e que, coñece "a necesidade dos veciños" de dispor del, polo que "o peche é unicamente no contexto actual".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta