Contos atlánticos para animar a Galicia en tempos de corentena

O Festival Atlántica presenta este xoves a súa oitava edición cun mar de contos.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

Este xoves, 5 de novembro, os contos do Festival Atlántica volverán a Galicia para completar a súa oitava edición. O evento, que comezará en Santiago co narrador Fernando Saldaña, ten programados 24 espectáculos que se desenvolverán os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e mais o 5 e o 6 de decembro. compaxinando as sesións presenciais coas actuacións en liña.

Fernando Saldaña no Festival Atlántica
Fernando Saldaña no Festival Atlántica | Fonte: Festival Atlántica

O contacontos, mago, actor, director, ilustrador e humorista gráfico Fernando Saldaña iniciará a oitava edición do Festival Atlántica cunha función chamada Peixe de ouro, un espectáculo para nenos de entre 3 e 8 anos no que se narra a historia de avaricia dunha familia que, tras recibir un desexo por parte dun peixe, quere máis e máis. O espectáculo poderase desfrutar no Centro Sociocultural de Fontiñas a partir das 18.30 horas. 

Do mesmo modo, ás 20.30 horas, o gaiteiro, cantador, bailador e contador de historias José Luis Gutiérrez ‘Guti’ levará ata o Centro Xove da Almáciga as súas Historias de filandar. Neste espectáculo, o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, e de cada vella que entra e sae do escenario. 

O Festival proseguirá nos vindeiros días con máis actuacións nos concellos de Ferrol, Ourense, Lalín, Pazos de Borbén, Brión, A Coruña, Teo e Vigo, alén de Santiago de Compostela. Polo de agora, xa está previsto que a programación de Ferrol e Teo se desenvolva telematicamente. No tocante ao resto dos concellos, as funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita amodificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.

 

Ademais, na web na web do Festival Atlántica, que dirixe Soledad Felloza, tamén se pode consultar a información sobre os artistas, o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva anticipada das funcións presenciais. Algúns dos espectáculos xa teñen o cartel de entradas esgotadas, como no caso da función de Pablo Díaz e a de Charo Pita, pero aínda quedan prazas para as restantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta