Residencias e hospitais privados buscan enfermeiras en Portugal para loitar contra a Covid

A asociación que agrupa aos profesionais lusos lanza un SOS ante a preocupación polo recrutamento destes profesionais fora de Portugal. O Goberno luso ofrece só contratos de catro meses, igual que a Xunta, que hai uns días presentoulle aos sindicatos o seu plan de contratación para loitar contra a pandemia.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Contratos variados e que poden chegar ata os 30.000 euros brutos anuais. Son as ofertas que están recibindo nas últimas semanas os e as profesionais de enfermaría de Portugal para vir traballar a Galicia. Unhas ofertas que tamén chegan desde outras partes de España, e tamén de países como Reino Unido, Alemaña ou Holanda. 

Técnica sanitaria e enfermeira traballando nun centro de maiores
Técnica sanitaria e enfermeira traballando nun centro de maiores | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

Estas ofertas, segundo puido saber Galicia Confidencial, proceden, principalmente, de residencias de anciáns que buscan desesperadamente profesionais sanitarios tras os efectos que a pandemia está provocando en moitos deles, precisamente, pola falta de persoal. Pero as propostas de contratación chegan de centros sanitarios privados que están notando un importante incremento da actividade provocada, tamén, pola covid.

É tal a situación de alarma xerada entre o colectivo no país veciño que a Ordem dos Enfermeiros (OE), o colectivo profesional que os defende, lanzou xa un SOS para evitar a fuga de profesionais en momentos nos que tamén Portugal está padecendo duramente os efectos da segunda onda da pandemia. 

A OE denuncia que moitas destas ofertas, ademais dun contrato anual, inclúen transporte e aloxamento gratuítos. "Só de España houben cinco contactos os últimos días, desde a Galiza ás Canarias, con ofertas de 30.000 euros brutos anuais. Xa a Holanda está a ofrecer, alén das mellores condicións remuneratórias, casa, transporte e curso da lingua", indica este colectivo. Por iso, pídelle ao Goberno portugues que artelle mecanismos para evitar a fuga de profesionais máis alá da oferta de contratos de catro meses que fixo o Executivo luso. 

EMIGRACIÓN CONSTANTE

A emigración deste colectivo en Portugal é unha constante nos últimos anos. Só en 2019, e antes da pandemia, máis de catro mil enfermeiros solicitaron o certificado que os acredita para poder exercer no estranxeiro, un número récord que se triplicou con respecto a 2017 e que representa un aumento do 64% fronte a 2018.

Persoal sanitario atendendo a un paciente con coronavirus nunha sala da UCI do hospital
Persoal sanitario atendendo a un paciente con coronavirus nunha sala da UCI do hospital | Fonte: médicos e enfermeiros

A OE estima que son case 20.000 as enfermeiras traballando na actualidade no estranxeiro. "Fronte á situación que estamos a atravesar, tras oito meses de pandemia con enfermeiros exaustos e moitos infectados, impedidos de traballar, é imperativo que sexa revisada a forma de contratación de enfermeiros, ben como as súas condicións laborais", indica a portavoz desta entidade, Ana Rita Cavaco nun comunicado. “Non podemos continuar a comprar ventiladores e a exportar enfermeiros", engade.

O SERGAS TAMÉN BUSCA PROFESIONAIS

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) presentoulle hai uns días aos sindicatos sanitarios un plan cuxa medida principal pasa pola contratación de 750 postos de persoal de enfermaría desde o mes de decembro. O obxectivo, segundo dixo, é facer fronte ao peor desta segunda onda de Covid-19.

Con todo, a proposta da Xunta é igual a do Goberno luso que quere contratar a eses prosionais por un mínimo de catro meses, aínda que deixa a porta a que 150 deles poidan apliar o seu contrato ate un ano. Un plan que os sindicatos non ven con bos ollos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 sergas= traballo temporal

Onde esta o problema e na Galiza e non en portugal desde sempre emfermeiros-as galegas foron a portugal a traballar... o sergas oferta autenticas contracions merdeiras e a xente esta escapando a portugal ou a outras partes do estado ou a calisquer outro sitio e na Galiza estan quedandose sen persoal e o que teñen esta todo queimado... o que pode sair da merdeirada das contratacions covid por un mes o ises contratos de acumulos o de listas do pool HA XENTE QUE TEN MAIS DE 800 contratos e decir 34 paxinas de vida laboral