Repunta de contaxios nas residencias de maiores ao sumar 44 novos casos

A residencia de Gondomar rexistra 22 contaxios e no xeriátrico de Vilalba os casos seguen en aumento; son xa 117 os residentes con covid.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2020 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O número de usuarios de residencias de maiores diagnosticados de coronavirus continúa en aumento e son 484, 27 máis dos que había no último balance ofrecido o venres. Así, nas últimas horas notificáronse 44 novos contaxios entre residentes, dos cales, 22 corresponden a un brote detectado na residencia Vila do Conde de Gondomar.

Así figura nos datos actualizados este sábado pola Consellería de Política Social, que eleva o total de positivos detectados en residencias de maiores nun total de 484, dos cales, 114 están no centro Asilo de Vilalba, intervido o xoves pola Administración autonómica, e que suma outros 3 novos positivos que o manteñen como o xeriátrico con máis casos de toda Galicia.

Ademais dos 22 novos casos do brote detectado na residencia Vila do Conde de Gondomar, que tamén ten a un traballador infectado, súmanse ao cómputo outros sete usuarios con covid da residencia Ballesol de Oleiros --ten 9 positivos en total--, un na CRAPD Vigo I e 5 na CRAPD Vigo II, catro nos apartamentos tutelados de Beariz e dous na residencia de Viana do Bolo.

Retíranse do cómputo de casos entre usuarios de centros de maiores un total de 17, oito deles por falecementos notificados na noite do venres pola Consellería de Sanidade. O resto (9) corresponden a altas por coronavirus dadas a usuarios da residencia DomusVi Coruña de Oleiros (6), DomusVi Monforte (2) e Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia (1).

Así as cousas, o xeriátrico de Vilalba continúa como o centro con maior número de contaxios, cun total de 117 anciáns cunha PCR positiva (tres máis). Séguelle DoralResidencias de Mos, principal foco ata hai dous días e no que o número de usuarios infectados sitúase en 95 (un menos), tras a morte dunha muller de 87 anos nas últimas horas.

Seguen a estas a residencia DomusVi Ribadumia, con 44 maiores coa enfermidade, a Ballesol de Vigo, con 39, a residencia San Cibrao de Cervo, con 21, e a de Salvaterra do Miño, con 18 (un menos, que corresponde ao deceso dunha usuaria nas últimas horas).

Tamén contan con grupos de usuarios diagnosticados de coronavirus a Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia (14), a CRAPD Vigo II (12), a residencia San Antonio de Beariz (15), a Pontevedra de Vilaboa (10), a San Salvador de Guntín (10), a Santa Olalla de Boqueixón (9) e a Ballesol de Oleiros (9).

A Vivenda Comunitaria Remanso de Paz da Fonsagrada ten oito, a residencia Nosa Señora dos Miragres de Barbadás ten cinco, a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume cinco, os apartamentos tutelados de Beariz outro cinco, e A Saleta de San Cristovo de Cea tres.

Ademais, con dous casos cada unha, están Mi Casa de Ferrol, San Miguel de Silleda, a residencia de Monforte e a DomusVi da mesma localidade, e a Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa. A estes súmanse os casos individuais do xeriátrico de Caranza-Ferrol, As Fragas de Pontedeume, Residencia Hermanos Prieto do Carballiño, A nosa Señora da Saúde da Peroxa, Vivenda Comunitaria A Palmeira de Beade, Nosa Señora Valvanera de Cambados, Residencia de Viana do Bolo e Os Gozos de Pereiro de Aguiar.

241 TRABALLADORES INFECTADOS

Por parte dos persoais destes centros, descenden en tres os casos totais de covid ao sumarse ao cómputo 9 novos positivos, descontarse 11 e corrixirse un erro de comunicación na situación o CRAPD Vigo I, onde hai 3 traballadores afectados.  En concreto, os novos contaxiados detectáronse na residencia Ballesol Oleiros (1), a Melide (1), CRAPD Vigo I (1), CRAPD Vigo II (2), Asilo de Vilalba (1), Vila do Conde de Gondomar (1) e Domingo Gómez Freire (2).

O centro DoralResidencias de Mos, con 36 positivos, é o principal foco de coronavirus enre os persoais das residencias, seguido de DomusVi Ribadumia, con 28 infectados; Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, con 25; Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 19; Asilo de Vilalba tamén con 19, e a de Salvaterra, con 17.

ATENCIÓN Á DISCAPACIDADE

En canto aos contaxios en centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD) de Galicia, baixaron a 37, oito menos dos que había o venres ao descontarse 8 usuarios da residencia DomusVi de Bóveda que deron negativo nas probas.

Este centro conta agora con 2 casos entre os seus residentes. Así, a residencia San Vicente de Paúl de Lugo mantén 18 casos entres os seus usuarios, mentres que hai 17 na DoralResidencias de Mos.

Finalmente, baixan a 9 (un menos) os traballadores diagnosticados de COVID entre os traballadores dos CAPD: un en DomusVi Bóveda, un en Aspanaes das Pontes, un en San Vicente de Paúl de Lugo, 3 en Domingo Gómez Freire de Ourense, un en Santa María de Ourense e outro en Chapela (Redondela).

Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián da residencia de anciáns de San Cibrao onde se orixinou un brote de Covid-19, en San Cibrao, Lugo, Galicia, (España), a 9 de novembro de 20. Carlos Castro - Europa Press
Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián da residencia de anciáns de San Cibrao onde se orixinou un brote de Covid-19, en San Cibrao, Lugo, Galicia, (España), a 9 de novembro de 20. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta