Por gcdeportes | Lugo | 01/06/2013 | Actualizada ás 00:09
Un problema menos no CD Lugo. O adestrador Quique Setién confirmou que seguirá unha tempada máis no clube. Será a quinta consecutiva, despois de chegar a Lugo co club na 2ªB no verán de 2009. Foi na 2010-2011 cando o equipo lucense acadou o ascenso a Segunda. Deste xeito, o cántabro desbota ofertas de clubes de Segunda e incluso de Primeira (rumoreouse días atrás co interese mesmo do Celta), e argumentou que a súa familia "é feliz en Lugo".
O adestrador dixera días atrás que había un 80% de opcións de que seguise, pero condicionaba a decisión a ter máis medios para adestrar. Finalmente, o concello comprometeuse a arranxar o campo de adestramento do Ceao.
Nos outros bancos dos equipos galegos, Luisito acaba de firmar dous anos máis polo Ourense. Abel Resino ten un ano máis de contrato en Vigo, e xa dixo estar disposto a seguir en calquera categoría. O Deportivo ofreceulle xa a renovación a Fernando Vázquez, e o acordo co de Castrofeito semella estar preto.
Conversión en SAD
Mentres, o CD Lugo segue inmerso no proceso de conversión en Sociedade Anónima Deportiva, requisito imprescindible para manter a categoría. A directiva ampliou o prazo de compra de accións ata o 14 de xuño. Trala aportación de millón e medio por parte de Deputación (900.000 euros) e Concello (600.000), o club necesita aínda 850.000 euros para acadar o capital de tres millóns. Socios e seareiros aportaron 677.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.