Gómez Noya, primeiro no Mundial de Tríatlon

O ferrolán acada a segunda praza na proba de Madrid, a 50 segundos do británico Jonathan Brownlee, e ponse primeiro na clasificación provisional.

Por gcdeportes | Compostela | 02/06/2013 | Actualizada ás 20:31

Comparte esta noticia

Javier Gómez Noya foi segundo na proba de Madrid das Series Mundiais de Tríatlon e con este resultado sitúase como líder provisional do Mundial. O gañador da proba foi, ao igual que o ano pasado, Jonathan Brownlee.
A proba foi segundo o guión previsto, co ferrolán e Brownlee coma protagonistas dende o inicio. Na natación, sen neopreno, os dous estiveron entre os primeiros, e así enfrontaron o segmento da bicicleta, onde formaron un grupo de cinco homes (Gómez Noya, Brownlee, Alessandro Fabian, Aaron Royle e Vasiliev) que impuxeron un ritmo imposible para o pelotón. Así, chegaron á segunda transición, o momento decisivo. Jonathan pegou un acelerón e logrou dez segundos de vantaxe sobre o galego que xa foron insalvabeis. O británico controlou a distancia, para non ter problemas, e Gómez Noya tampouco tiña moitas máis reservas segundo explicou ao chegar a meta. Así, Brownlee (1:50:42) acadou a segunda vitoria do ano e o ferrolán (1:51:32), coa segunda praza, certifica o primeiro posto na clasificación provisional do Mundial con 2.744 puntos, por diante do portugués Joao Silva (2.055 puntos).
Pola súa banda, Uxío Abuín non tivo un bo día e rematou na posición 37 (1:58:59). Sen folgos, foi perdendo posicións pouco a pouco.

Circuíto Promaster

O ferrolán Gómez Noya, sobre a bicicleta.
O ferrolán Gómez Noya, sobre a bicicleta. | Fonte: mundodeportivo.com

Tamén houbo magníficos resultados dos galegos e galegas no Circuíto Promaster. Óscar Vicente gañou na proba masculina, mentres que Pablo Dapena foi bronce, e Aída Valiño, recente campioa de España de Acuatlón, volveu amosar o seu gran momento coa prata na categoría feminina. Ademais, o Wild Wolf Cidade de Lugo acadou o ouro na categoría de clubs. Na categoría masculina, houbo catro galegos entre os dez primeiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta