A DXT pon en marcha unha campaña de especial control do transporte escolar en Galicia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) emprenderá entre este luns e o vindeiro venres unha campaña especial de vixilancia e control do transporte escolar en Galicia, na que a Garda Civil e as policías locais que se sumen comprobarán que os autobuses e os condutores cumpren coa normativa destes desprazamentos.

En concreto, ratificaranse os cumprimentos a nivel administrativo, sobre autorizacións e documentos que deben ter estes vehículos, ademais das condicións técnicas e de seguridade, entre outros requisitos. De feito, lémbrase que os menores que empreguen este medio de transporte necesitan ir acompañados dunha persoa debidamente cualificada para iso.

Esta campaña ten unha "especial transcendencia" na Comunidade galega, segundo destaca a Delegación do Goberno, pola "gran extensión de rutas" do transporte escolar que hai. De acordo con datos das autoridades educativas, durante o curso 2020/2021 préstase este servizo a 86.957 alumnos de 774 centros públicos.

Así, a pesar de que a vixilancia por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil é permanente, nos próximos días intensificaranse os controis preventivos, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas. O obxectivo, engade a Delegación do Goberno é "concienciar a pais, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas".

E é que, de acordo con datos que manexa a DXT, o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo ou xusto nos instantes inmediatos. Ademais, en moitos casos, trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos acompañantes.

Na campaña anterior, desenvolvida en febreiro deste ano, formuláronse 352 denuncias a un total de 206 autobuses. As irregularidades administrativas son as que maior número de denuncias xeraron, por exemplo non dispor da autorización especial para realizar esta actividade, que supuxo case un terzo do total.

Transporte escolar.. FEDRINTRA - Arquivo
Transporte escolar.. FEDRINTRA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta