Segue esta guía dos epidemiólogos para gozar dun Nadal sen riscos

Como xestionar un encontro con persoas que non viven con nós?, podemos fiarnos dos test que facemos antes de visitar familiares?, que tempo non deben exceder estas visitas? Eis algunhas claves para quen teña que reunirse con non conviventes.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Este Nadal, cada un na súa casa". Os epidemiólogos lanzan unha mensaxe clara de cara á celebración destas festas de Nadal que xa están á volta da esquina. Non xuntarnos con persoas coas que non convivamos será o noso método aliado se queremos recudir o risco de contaxios e evitar a magnitude desa terceira onda que todo fai indicar que xa está repuntando. Con todo, ningunha situación é irremediable e podemos estar a tempo de impedir un descontrol dos contaxios: "O que vaia pasar no Nadal vai depender moito de cada un de nós, é unha cuestión de responsabilidade individual", deixa claro Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da USC.

Iluminación de Nadal na Coruña
Iluminación de Nadal na Coruña | Fonte: sientegalicia.com

Polo tanto, e seguindo tamén as recomendacións do plan de Nadal da Xunta de Galicia, a situación ideal na que podemos celebrar estas festas é ao carón dos nosos e sen reunirnos con persoas que non formen parte do noso grupo de convivencia. Iso é o que os expertos chaman "unidade familiar", é dicir, aquelas persoas que viven, dormen e comen baixo o mesmo teito. Así pois, non entra dentro da unidade familiar ese fillo que estuda fóra da casa ou ese avó que vive unhas rúas máis adiante. Ademais, a Xunta sinala que nestes casos nos que reduzamos os nosos xantares e ceas de Nadal á unidade familiar, non existe límite de persoas.

MELLOR, AO AIRE LIBRE

Unha opción intermedia que tamén podemos barallar se queremos ver algún familiar nestas datas especiais é a de trasladar os nosos encontros a lugares máis seguros. "Está demostrado que ao aire libre a capacidade de transmisión do virus é bastante excepcional", sinala María José Pereira, xefa do Servizo de Medicina Preventiva do CHUAC. Polo tanto, sempre "sería unha mellor alternativa facer unha reunión nun campo que celebrar unha cea nunha casa, por exemplo".

Agora ben, se por calquera razón nos resulta inevitable ter que convidar algunha persoa ao interior do fogar - por exemplo, no caso de que algún familiar viva só e non vaia ter compañía ningunha durante eses días -, cómpre sermos conscientes dos riscos que asumimos e actuar en base a eles. En primeiro lugar, debemos manexar o concepto de "burbulla familiar", que implica non cambiar de unidades familiares duns encontros a outros. Nestas situacións, o límite no número de persoas sitúase en dez, contando crianzas menores de dez anos. Sanidade, ademais, contempla unha terceira opción máis alá da unidade e da burbulla familiar. Trataríase de situacións nas que unha soa persoa se une a dúas unidades familiares. Nestoutro caso, non se pode sobrepasar o tope de seis adultos.

Un neno cunha máscara asómase á xanela da súa casa durante o confinamento polo coronavirus, en Valdemoro
Un neno cunha máscara asómase á xanela da súa casa durante o confinamento polo coronavirus, en Valdemoro | Fonte: Madrid (España) a 20 de abril de 2020.. Óscar J.Barroso - Europa Press

As claves a ter en conta en todas estas posibles situacións son moi claras e véñense repetindo dende hai ben tempo: mellor canto menor número de persoas, no menor tempo posible, no maior espazo posible que permita distancia interpersoal na mesa, con boa ventilación natural, e máscara constante no domicilio agás no momento de comer. Imos paseniño:

REDUCIR CONTACTOS NOS DÍAS PREVIOS

"Reducir drasticamente os nosos contactos antes dese encontro é fundamental", asegura Pereira. "Sabemos que os confinamentos serven e que son un elemento básico para o control da pandemia, polo tanto, dende xa temos que protexernos moito e limitar o noso número de interaccións nunha medida efectiva", engade. Mais ollo!, isto non pode relaxarnos unha vez que entremos no fogar: debemos seguir gardando as distancias, portando máscaras e aireando ben o espazo. O autoconfinamento só é unha estratexia máis que permite ir "pechando diferentes posibles fugas", pero o risco cero nunca existe. 

FACER TESTS: UNHA BOA OPCIÓN?

Estoutra medida xera máis controversia. O doutor Francisco Caamaño non é partidario deles. "Paréceme unha idea equivocada por varios motivos: primeiro, porque os test teñen unha sensibilidade relativa e non funcionan perfectamente. Non sempre que o test di que estou san, estou san, e non sempre que di que estou enfermo, estou enfermo. E segundo, porque se trata dunha foto fixa dun momento concreto. Canto tempo vai pasar desde que fago o test ata que vou á casa de meus pais?", sinala. "É perigosísimo chegar alegremente e quitar a máscara porque teñamos feita unha proba. Non podemos ir a peito descuberto, nunca sabes se estás infectado". 

A doutora María José Pereira concorda nestas ideas e indica que se se fai un test, hai que escollelo adecuadamente e debe ser entendido como unha estratexia que hai que "combinar" con todas as demais. "Cómpre ter en conta que os seus resultados son unha foto fixa que pode cambiar en calquera momento", reitera.

O TEMPO IMPORTA

Unha vez sentados á mesa, cómpre ter en conta os tempos. Se pasamos xuntos catro horas teremos o dobre de posibilidades de contaxiarnos ca se limitas o encontro a dúas horas. Este é un factor importante, mais tamén difícil de controlar. "Temos que pensar se imos ser capaces de cumprilo. Que probabilidades hai de que unha persoa que se mete nunha festa cumpra e marche á súa hora?", reflexiona Francisco Caamaño. Por iso, quizais un método eficaz é o de acordar os tempos entre todos os familiares antes de que se produza o propio encontro.

COIDADO COA VENTILACIÓN DO ESPAZO

Estoutra medida colleu moitísima importancia nos últimos meses, xa que a evidencia científica acabou certificando que esas partículas que quedan en suspensión cando falamos representan a principal vía de transmisión do virus. Con todo, se ben é fundamental, tamén semella ser a menos interiorizada e a máis complicada de implementar en pleno decembro. Mais ha de tocar coller mantas e abrigos, xa que a ventilación do espazo debe ser, preferiblemente, natural e constante, ou polo menos, asegurármonos unha renovación do aire cada pouco tempo.

UNHA SOA PERSOA QUE SIRVA E RECOLLA

Doutra banda, é recomendable, e así o recolle tamén a Xunta de Galicia no seu plan, que unha soa persoa poña a mesa e sirva a comida, que non se compartan alimentos e que se leve unha estrita hixiene de mans por parte de todos os comensais. "É importante que a persoa encargada de servir e recoller faga estas actividades sempre coa máscara posta, e sería ideal que a persoa servida tamén a porte nese momento. O concepto é que esteamos sen máscara e xuntos o menor tempo posible e as menores persoas posibles", lembra Pereira. Na cocina, durante a preparación dos alimentos, tamén sería unha boa práctica ter posta a máscara para evitar a contaminación da comida, mais polo de agora, "hai pouca evidencia de que o virus se poida transmitir a través dos alimentos".

EVITAR FALAR EN VOZ ALTA OU CANTAR

Son tempos de cantar panxoliñas, mais debemos lembrar que diversos estudos indican que a posibilidade de transmisión do virus aumenta a medida que incrementamos o noso ton de voz. Por iso mesmo se recomenda gardar silencio en espazos pechados como o transporte público. 

Á MESA... MELLOR NON BEBER

Sabemos que son ocasións onde se adoita beber un pouco máis do habitual, mais este ano debemos evitalo. "O consumo de alcohol vaise traducir, loxicamente, nunha relaxación. Non imos estar co mesmo estado de alerta e preocupación se inxerimos algo de viño, porque a nosa actitude cambia", indica Francisco Caamaño. Consecuentemente, esa mesa volverase un espazo potencial para contaxiarnos.

E COMO NOS ENTREGAMOS OS REGALOS?

É compexo facer unha entrega presencial de regalos segura, xa que "implica un alto grao de interrelación persoal", sinala Pereira. De novo aquí, as claves principais son as de manter a burbulla familiar, ventilar, gardar distancias, portar máscara e ter unha estrita hixiene de mans. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta